Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

26/04/16

Proxecto Neo, 159.- Anabela Quelhas (Cultura Que Une)

FOTOS DO REINO MARAVILHOSO (I)


Fotografia de Anabela Quelhas




A primeira parte do programa está dedicada ao noso colega Marco Pereira. Con el estreamos nova serie, que vai permanecer durante varias semanas: O Reino Maravilhoso. Trátase de lle facer a MArco unha descrición das fotografias da profesora Anabela Quelhas para comprobar até que punto é capaz de superar a cegueira para as "visualizar". A primeira experiencia foi un suceso total. Tratábase de lle transmitir o que vemos na imaxe -o interior dunha mercearía de Vila Real-, algo do que se encarregou a propia autora das fotos. Marco ouviu a descrición e inmediatamente comentou que un lugar así había nun lugar moi próximo á súa morada ("a taberna da Ponte do Carro", enfatizou). 
Despois duns comentarios moi cordiais sobre o intercambio lingüístico Modelo Burela que levou unha expedición do Instituto Perdouro a París e a Bretaña, entramos de cheo na presentación do 1º Festival Folclórico de Arume. Dúas das profesoras estiveron no estudio, por convite de Helena Valle, e presentaron a festa con música ao vivo.


20/04/16

Proxecto Neo, 158.- Sara Medrano; Marta Gómez Ocampo; Xabier Lago Mestre


O PROGRAMA DA EMANCIPACIÓN

No programa 158 coñecemos aquilo que Sevilla ten de especial; escoitamos unha reflexión sobre a política lingüística da administración galega; e mantivemos entrevista co historiador berciano Xabier Lago Mestre.
Na entrada puxemos unha música recén tirada do forno. A banda Gelría interpretounos un poema de Bernardino Graña e así coñecemos o ambiente dunha tasca mariñeira, con traballadores barulleiros, un gatiño á espreita -á espera de que lle caese algo- e cuns donos da tenda moi atentos a todo o que pasa.
Sara Medrano, que foi presentada por Alba Geada -que se afianza na locución-, levounos de paseo por Sevilla, falounos de aprendizaxe de idiomas e fíxonos promesa de nos visitar na Mariña, aproveitando a súa participación nos cursos de verán de Lingua e Cultura Galegas organizados polas universidades.
De Sevilla viaxamos rapidamente a Compostela para falarmos con Marta Gómez Ocampo. Fixémolo escoitando a música dos Poetarras. Obviamente, botamos uns risos.
A politóloga de Xove, representante da Mariña nos XVIII Encontros de Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galegas fíxonos unha crónica dos contidos desenvolvidos naquelas xornadas formativas, moi especialmente da sesión en que participaron ela e Anik Nandi, baixo a moderación da profesora Tina Formoso.
Despois falounos das súas circunstancias sociolingüísticas, xusto antes de nos facer unha reflexión sobre a política lingüística aplicada pola administración galega.
A segunda media hora do programa concentrouse na intervención do historiador berciano Xabier Lago Mestre, que fixo exactamente o que lle pedíamos: un discurso moi pedagóxico, fácil de entender por todos os públicos. Así visualizamos unha magnífica panorámica sobre a súa comarca. Coñecemos os territorios en que se usa o noso idioma, o perfil das persoas que o usan, quen foron e quen son as persoas máis destacadas polo seu uso en ámbitos cultos e mesmo quen son as entidades que o promoven (Xarmenta, Grupo as Médulas...).

13/04/16

Proxecto Neo, 157.- Mercedes Queixas, Sara Villar e Andrés Goteira



O PROGRAMA DA INCORPORACIÓN DE ALBA GEADA
A Vida Continúa


A Vida continúa. Con esa confianza recibimos a incorporación de Alba Geada, que chega a Proxecto Neo con 12 anos e que con 12 anos locuta excepcionalmente ben. Mais con esa confianza, fixémoslle un recordatorio especial a Dona Adelina Fernández García, unha traballadora Modelo Burela que nos deixou recentemente.

Antes de que se apoderase de nós a tristeza, recibimos no programa a inmensa forza de Mercedes Queixas, que nos presentou en vivo e en directo o seu décimo libro: De pergamiños, follas voandeiras e libros ao .gal (Ed. Xerais). Helena Valle encargouse de comentar todos os pormenores. Foi por iso que inclusive falamos do lugar en que se facía a presentación: o Linda Rama Café e Livros.

Despois de Mercedes Queixas, chegou Sara Villar desde Granada. A estudante mallorquina falounos do repertorio de linguas que coñece: catalán, castellano, francés, inglés, italiano, alemán... e galego. Non esqueceu poñernos os dentes longos falándonos de literatura comparada e de cultura galega.

Nos minutos finais o tema de conversa foi o cinema. Andrés Goteira presentounos a súa primeira longametraxe; Dhogs.

06/04/16

Proxecto Neo, 156.- Giulia Conchi; Montse González


"O meu nome é Giulia. Son italiana...": así comezaba unha cuña radiofónica que nos mandou desde Granada a profesora María Curros. Xustamente despois da presentación e da música, puxémonos en conversa coa estudante de Filoloxía Árabe. Primeiro describiunos o seu lugar de nacemento (a cidade de Trento e o seu ámbito de influencia), a seguir falounos sobre a súa vocación temperá para o estudo das linguas, sobre a decisión de estudar na Universidade de Granada e, finalmente, fíxonos partícipes dos seus vínculos co idioma galego.
Como resultado da ligazón con colegas do Brasil, Giulia Conchi comezou a interesarse polo ámbito lingüístico galego-portugués, mais ese interese pasou a verse reflectido academicamente no curso 2014-2015 en Granada, onde descubriu a oferta formativa que a levou ás aulas de María Curros.
Nun breve momento, entre o desenvolvemento dos contidos, fixemos uns minutos para facer un saúdo especial en directo. Neste programa 156 contamos coa visita de Alba Geada, estudante de 6º de Ensino Básico no Colexio dos Castros de Burela. A nosa convidada estivo atentísima durante toda a primeira parte e non perdeu pormenor do guión e da interpretación que del fixeron Maka, Helena e Mónica. Despois tivo a amabilidade de concedernos unhas palabras en directo e nós non perdemos a oportunidade de saudala, de agradecerlle a visita e de convidala a participar con nós noutros programas.
Na segunda parte, conversamos demoradamente con Montse González, que nos atendeu desde Lugo, e fixemos unha presentación biliográfica a través das ondas. Noutras palabras:  fixemos da radio educativa unha ferramenta de animación á lectura.
A preguntas de Mónica Palacios, a autor de Chorimas serodias presentouse e presentounos os contidos deste seu primeiro volume poético. Mais non só falamos dos poemas, senón tamén dos prólogos e dos seus referentes literarios. Finalmente, citámonos para o reencontro con motivo das Feiras do Libro de Foz e de Burela, nas que vai estar, ou sexa por calquera outra razón.
OS dous últimos minutos dedicámosllos a Camilo Nogueira, a quen felicitamos en directo con motivo de lle ser outorgado o prestixioso Premio Trasalba.