Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

26/02/14

Proxecto Neo nº 82.3 - Germám Ermida + Sonia Miranda + Emilio Rúa



Caetano Veloso levounos de viaxe no seu Trem de cores. Na Estación de Compostela recollemos un viaxeiro que nos deu conversa. Chámase Germám Ermida; é xornalista do Consello da Cultura Galega; e no momento da presentación falounos da súa incorporación como falante do noso idioma desde que tiña 13 anos e do reforzo para a aprendizaxe que recibiu no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra, moi especialmente nas aulas da súa profesora Vitória Ogando.  Despois falounos de teatro e de actividades extraescolares dirixidas aos centros de ensino. Coñecemos os espectáculos de Barriga Verde e soubemos do banco de información que temos ao noso dispor na páxina  da Asociación Morreu o Demo.
Despois de escoitar a peza musical titulada Guaria Morada, entramos en conversa con Sonia Miranda, unha costarricense asentada nas Grañas do Sor, onde se dedica á doma natural de cabalos. A través das súas palabras tamén descubrimos pormenores da actividade do luthier Carlos Caramés, un dos seis artesáns da Península Ibérica que se dedican á fabricación de clavecíns.
Finalizada esta segunda parte, escoitamos a música de Tal, a artista franco-israelense cuxo nome se pode traducir como "Rosa da Mañá". O seu canto á liberdade -símbolo de cruzamento intercultural- serviu de porta de entrada para a última das entrevistas: a do músico galego Emílio Rúa, que nos presentou a iniciativa de colaboración social para a edición do seu próximo disco -o quinto do seu repertorio-, que levará por título "Destino Sur".
Xusto antes do final, demos conta de dúas convocatorias: a dun concerto de Sés en Madrid e a dunha palestra da profesora Luz Zas en Londres.

21/02/14

GRAZAS, Noelia del Río (TVG)


Sirvan estas liñas para agradecer a sensibilidade e bon facer do equipo humano coordinado por Natalia del Río durante o proceso de produción, gravación e postprodución do programa Como Galegos dedicado ao noso alumno Ayub Sabry.
Sentímonos privilexiados por traballar día a día con persoas da calidade humana de Ayub -sempre disposto a colaborar-, mais tamén nos sentimos compracidos de que nos medios de comunicación haxa persoas atentas e dispostas a salientar eses valores.
Continuamos en camiño. Seguro que coincidiremos de novo nalgunha das etapas.

19/02/14

Proxecto Neo nº 81.3 - Milesios + Luces de Alén Mar + Especial Radio Colmeiro + Bretaña


O programa nº 81 foi guiado maxistralmente por Simón R. Rouco e Maca Ledo. Así, a medias. Entre ambos substituíron a nosa condutora habitual, a profesora Karina Parga. Xusto despois dos saúdos iniciais, entramos en comunicación con Moucheiro, o vocalista da banda musical Milesios. Con el falamos de música, de viaxes e de simbiose cultural entre as nacións atlánticas. Como broche final ás súas palabras, presentounos a peza titulada Alén Mar, que escoitamos a seguir.
Ambientados con esta música, dispuxémonos a coñecer a Exposición Luces de Alén Mar, do Museo Pedagóxico de Galiza e o Consello da Cultura Galega. Fixémolo en conversa co Profesor Antón Niñe, que nos comentou o que podemos ver nela, a que público está dirixida e cando e onde a podemos visitar.
A música de Kastomä foi a chave que nos abriu a porta para coñecer por dentro a Radio Colmeiro, a nosa irmá impulsada polo Instituto Pintor Colmeiro de Silleda. Nese momento comezou o recital de Valeria Espinar Carreño, estudante de 1º de Bacharelato. Foi unha conversa espumosa. Por que? Porque comezou no fondo do vaso, tanteando, e subiu e subiu até chegar á cima. Desa maneira, a través das súas palabras, coñecémola a ela -como neofalante- e visualizamos o grupo humano que impulsa a iniciativa educativa chamada Radio Colmeiro.
Como Valeria falaba tanto e tan ben, a entrevista do seu profesor de Tecnoloxía, Xosé María Rodríguez, foi máis curtiña. Aínda así, coñecemos a visión pedagóxica do proxecto que leva á práctica o Equipo de Normalización daquel centro de ensino. Tamén percibimos a través do seu protagonista a maneira en que un rapaz de 14 anos pode superar a ruptura cultural. O profesor Rodríguez renaceu galego. Segundo as súas palabras "bon traballiño lle custou", mais está moi orgulloso por ter dado ese paso. Nós tamén estamos moi moi orgullosos... por podelo contar.
Os minutos finais do programa estiveron dedicados á Bretaña. Foi a recepción especial que lle fixemos a unha expedición escolar do Collège Jean Monnet de Janzé, de visita de intercambio co IES Perdouro. Ademais da boa música, dedicámoslles unhas cálidas palabras por boca de Maca, Serxio, Helena e Simón.
Máis outro programa con protagonismo para a culturalidade.
Porque a través das nosas respectivas linguas estamos no mundo.

12/02/14

Proxecto Neo nº 80.3 - Especial Día Mundial da Radio


ESCOITE AQUÍ O PROGRAMA

12 de febreiro. Día Mundial da Radio. Nós adiantámonos e fixemos a celebración nas vésperas. O número 80 foi un programa de celebración. Secundamos así a efeméride resultado da declaración da UNESCO en 2011. Acompañamos por vez primeira o camiño iniciado na nosa terra pola Asociación Cultural e Pedagóxica "Ponte... nas Ondas". Tal como o dixo a nosa condutora, Karina Parga: "En Proxecto Neo tamén facemos nosa esta iniciativa. Vaian os nosos parabéns para Ponte nas Ondas e para todas as entidades que apostan pola radio como instrumento de transmisión de cultura".

O primeiro dos contidos foi moi emotivo. A profesora Carme Cociña, do IES Monte Castelo, púxolle voz a un relato de Fran Alonso centrado na inmigración. Esa "Carta de amor" estaba dedicada ao alumno Mamadou Diouf, senegalés como as personaxes do relato: "É unha homenaxe a todos os que deixan a vida escapando da miseria porque cren que un mundo mellor é posíbel. Eles, os soñadores cunha nova vida, son os verdadeiros heroes; non os que pechamos portas e xanelas pensando que o vento non vai entrar, e o vento sempre entra. Non hai quen o deteña".

Despois da música, presentamos en primicia unha nova emisora educativa. O profesor e escritor Xosé Antonio Neira Cruz falounos de CampUSCulturae on line, unha iniciativa que reforzará os lazos de unión entre universidade e sociedade.

A través da nosa Ponte nas Ondas estivo con nós desde Euskadi o cineasta Rubén Sánchez. A través da súa conversa coñecemos os Arlotes, unha serie de Deseños Animados que contou coa primeira das versións lexendadas ao idioma galego. Acabamos sabendo como naceu a idea, canto tempo levou levala a cabo, a que público está dirixida e como se conseguiu financiación para a realizar.

Para o final do programa estaba prevista unha viaxe a Irlanda, de xeito que alí falásemos demoradamente con Isaac Xubín, profesor, tradutor de Pasaia blues. Os problemas técnicos impediron que fose posíbel desta vez. Será noutra ocasión. En calquera momento. 

05/02/14

Proxecto Neo nº 79.3 - Especial Carlos G. Reigosa



"Eu tiven a sorte de nacer na Corda. Concretamente, Tras da Corda. Nun val verdegante e neboento, ao abeiro do norte pola serra matricial e aberto cara o sur polo Couto e pola Regueira, cara a chaira de Moimenta. Alín nacín, no val de Lagoa, fillo do home que sen dúbidas máis veces leva atravesada a Corda. Alí nacín e alí pasei avivecentes anos de fogar, indo ás súas feiras e festas e cos seus homes e mulleres; compartindo as merendas, os bailes e as longas camiñadas da festiva escuridade. Tempos vividos alén do ben e do mal, nunha liberdade endexamais recuperada, mais certamente inspiradora de todas as vivencias persoais posteriores".

Así se nos presentaba Carlos G. Reigosa, como fillo da Corda, o que é o mesmo: da Galiza mindoniense. Despois coñecemos moito mellor tanto a terra como o escritor e fixémolo a través do prólogo de Homes de tras da Corda nas voces de Maca Ledo, Serxio Rivas, Helena Valle e Simón R. Rouco. O complemento musical deixámolo na man de Milladoiro, que nos levou á Galicia de Maeloc.
Xa superados os obstáculos técnicos que nos dificultaron o comezo do programa, entramos en comunicación directa con Sasdónigas, nas cabeceiras de Mondoñedo. A través do fío telefónico viaxamos ao Intramundi para conversar con Dona Erminia Díaz Folgueira, que nos falou dos seus recordos do albeite Venancio González Carracedo, dos comentarios que facía cando tiña o seu fillo estudando as carreiras e das conversas que mantivo coa súa neta cando a esta lle recomendaron ler a novela que os ten como protagonistas. Como as palabras da nosa contertulia eran tan espontáneas e tan sentidas, despedímola dedicándolle "O Meu País" en interpretación de Miro Casabella. Non botamos man da mellor das gravacións, mais con ela quixemos render homenaxe a esa xente comprometida coa cultura como o son os organizadores daquela festa celebrada en Foz que contou coa participación de Miro.
 Na segunda parte do programa conversamos con Primitivo Iglesias, alcalde da Pastoriza, que nos falou da relación de irmandade que o une a Carlos G. Reigosa. Xa en calidade de Profesor de Lingua e Literatura, respondeu con brillantez a unha pergunta comprometida realizada por Helena Valle. O Lexicógrafo pastoricense cualificou Intramundi como a mellor das obras do seu conveciño, mais recoñeceu que a el persoalmente a que máis o emociona é Homes de tras da Corda. A petición de Serxio Rivas, o Profesor Iglesias tamén falou de Mini e Mero e desa maneira introduciu a seguinte peza musical: a "Penélope" de Díaz Castro interpretada polos dous fundadores da Quenlla.
Despois da música entramos en conversa con Azucena Fonteriz e con Julieta Durán. A primeira destas mozas comentounos a especial lectura de Intramundi, obra que fixo súa por razóns sentimentais. Con ela falamos da guerra civil, do estraperlo e das consecuencias provocadas na poboación. Xa no momento da valoración global da lectura, Azucena deixounos moi sorprendidos: "Eu nunca nunca costumo ler un libro máis dunha vez, porque considero o bon, se é breve, é dúas veces bon; mais neste caso, Intramundi vouno ler outra vez, porque me marcou".
Conducidos por Simón R. Rouco, falamos tamén con Julieta Durán, a quen xa tivéramos no programa nº 18 de Proxecto Neo. Esta moza galego-bonaerense non só nos falou do libro; tamén nos leu un fragmento. É un deses momentos da gravación que non podemos perder.
Aínda tivemos tempo para un final enérxico coa intervención de Oscar, integrante da banda Skándalo GZ, coa que amenizamos a despedida.
Falamos na próxima semana.