Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

30/05/18

Proxecto Neo, 231.7: Especial Baio-Sas (Mario Antelo; Uxía Suárez; Eloi Costa; Paula González)





Mario Antelo xoga ao fútbol nun dos equipos da base do Baio. En certa ocasión, co propio Mario "medio derreado" por levar catro días de esmorga polo País Vasco, tiveron que ir xogar a Corme. Aínda así, só perderon 3-2 e a culpa da derrota non foi toda do defensa lateral. Non o cren? Escoiten a entrevista que lle fai Alba Geada e despois digan cal é a súa opinión sobre a credibilidade do entrevistado.

Non lonxe de Mario, estaba Uxía Suárez Santos, de Sas, que nos atendeu coa súa voz doce como se fose unha prolongación da música de Guadi. "Mudamos fronteiras por pontes" cantaba a de Cedeira e pontes de boa comunicación foron as que levantamos durante uns minutos coa nosa entrevistada. "Que é o máis importante de todo o que levas aprendido este curso na materia de Artes Escénicas?" -preguntámoslle; e respondeu: "Aprendín a falar en público -perdín o medo- e aprendín a organizar enventos". De eventos falounos despois: da Foliada Solidaria, dos Faladoiros, da Semana Cultural do IES Maximino Romero de Lema... Da Banda da Loba, de Guadi, de Ses, de Habelas Hainas... Magníficas actividades e magnífica cronista para Proxecto Neo.

Igual de magnífica e moi emotiva foi a entrevista con Eloi Costa, que nos falou do seu Loroño natal, do seu bisavó canteiro e da súa bisavoa gandeira, do libro de Pepe San Baña e das historias en verso que escoitou cando era pequeniño. Literatura de cordel... non no Brasil; senón aquí na nosa propia terra.

Despedimos a Eloi e pasamos a falar con Paula González, de Cabana de Bergantiños e, como xa non tíñamos moito tempo, resumimos a conversa con tres letras: S.E.S. unha xenialidade.

23/05/18

Proxecto Neo, 230.7: IES Marco de Camballón; India Stainton; Campaña Mundial pola Educación



Xabi Barros e Aleixandra Torres, do IES Marco de Camballón, compartiron con nós as vivencias da viaxe a Euskadi para participar no encontro Regueibertso.
Pola súa parte, India Stainton (de Ourol) visitounos no estudio e falounos do seu trilingüismo habitual, con uso do inglés na casa e das tres linguas na escola.
Nos minutos finais falamos con Cristina Álvarez, da Campaña Mundial pola Educación.

17/05/18

Proxecto Neo, 229.7: Amarildo Cabral; Vítor Bellas; Belém Tajes

Comezamos o programa do Día das Letras en conversa con Amarildo Cabral Balde, da Guiné-Bissau. Foi unha celebración da internacionalidade do noso idioma e un recoñemento ao grupo de whatsapp " O Galego no Mundo".
Despois conversamos con Vítor Bellas, do Bar Queiro, e con Belém Tajes, de Voodoo.

09/05/18

Proxecto Neo, 228.7: Ángeles Goás; Quique de Roxíos; Jaime Fernández



Abrimos o programa coa descuberta das narracións orais de Ángeles Goás, moitas delas ambientadas en Abadín, porta de comunicación entre a Terra Chá e a Mariña.
Quique de Roxíos desta vez falounos sobre o encontro "Ventos poéticos" celebrado en Ribadeo coa participación de Xoán Bello e do propio Quique de Roxíos (por Asturias), Olga Novo (por Galiza), Elisabete Marques (por Portugal) e a coordinación de Yolanda Castaño.
No último cuarto do programa, falamos con Jaime Fernández, poeta de Moncelos (Abadín) que nos fixo unha valoración sobre a súa participación no encontro "Mondoñedo é poesía" e que nos recitou un poema-homenaxe a Manuel María.

02/05/18

Proxecto Neo, 227.7: Mondoñedo é Poesía


Dedicamos o programa 227 ao encontro Mondoñedo é Poesía, unha das iniciativas máis orixinais da cultura galega emerxente desde a base popular.
Inicialmente, conversamos con Xulio Rodríguez Leiras, que nos fixo de cronista do encontro e que nos levou da man polas rúas e prazas mindonienses e nos presentou as actividades realizadas en cada unha das paradas.
Na parte central do programa conversamos con tres poetas: Chema Merino, Iria Rivas e Carme Pavón. 
Coas palabras de Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, despedidos esta nova entrega de Proxecto Neo.