Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/03/17

Proxecto Neo, 190.6: Antón Expósito; Natalia Riego Arredondas; Gabriel André




Antón Expósito falounos dos Clásicos, o grupo de música tradicional formado por intérpretes de Vila Nova de Lourenzá, a Ponte Nova, Taramundi e A Fonsagrada.
Pola súa parte, Natalia Riego Arredondas -docente en prácticas no IES da Ponte Nova- falounos da súa experiencia como ensinante de segundas linguas.
Gabriel André fíxonos balance do seu período de prácticas no IES Perdouro.

22/03/17

Proxecto Neo, 189.6: David Mon; Débora Campos; Rádio Filispim




David Mon, de Vagalume Audiovisual, acompañounos no estudio de Radio Burela para nos presentar Amarte, o certame de pintura do Concello de Burela a celebrar na primeira semana de agosto (coincidindo coa Feira do Bonito).
A xornalista Débora Campos, docente de comunicación na Universidade de Buenos Aires, atendeunos desde a Arxentina e comentounos a vivencia da galeguidade desde o outro lado do Atlántico.
Nos minutos finais, Daniel Alexandre Martínez Ces, "Cholo", atendeunos en calidade de representante de Rádio Filispim, a emisora que vai retransmitir tanto Proxecto Neo como Grandes Voces do Noso Mundo para Ferrol e a súa comarca.

16/03/17

Proxecto Neo, 188.6: Xurxo Martínez; R Rivera; Alba María




En representación do Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, Xurxo Martínez falounos da inxente obra realizada por Xosé González Martínez e fíxonos partícipes da homenaxe que se lle tributará no próximo día 31 de marzo.

Pola súa parte, a nosa alumna R. Rivera -acompañada pola compañeira Carme Pernas, tamén alumna nosa- visitounos no estudio e falounos sobre as súas orixes no Uruguai, do seu paso polo Perú e do asentamento en Burela desde hai máis de dez anos.

Nos minutos finais, conversamos brevemente con Alba María, a autora do "Hemisferios", a canción interpretadas por oito voces femininas da música galega.

08/03/17

Proxecto Neo, 187.6: Lidia L. Teixeiro; Radio Miñoca; Luís Davila; Sofía Espiñeira





"As miñas mans sempre teñen feridas
urbanas"

Estes son dous dos versos dun poema en catro partes que Lidia López Teixeiro nos recitou en vivo e en directo desde Madrid. Foi unha das maneiras que tivemos de celebrar o Día Internacional da Muller Traballadora. 
Como primeira entrevista escollemos unha traballadora da cultura, con destino temporal no Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense. 
Tan ben nos entendemos que acabamos recitando a tres voces unha mostra da poesía galega do século XXI.

Inmediatamente despois, comunicamos con Miño, onde nos agardaba unha representación da Radio Miñoca -emisora moi amiga-. Atendéronnos Lian e Adrián, que nos presentaron o sexteto radiofonista e que nos informaron sobre a periodicidade das emisións, a cobertura e o ambiente en que realizan este traballo de comunicación. Encantounos falar con esta xente, coa que teremos unha xornada de convivencia na primeira semana de maio.

O humorista gráfico Luís Davila presentounos a exposición de viñetas que mantén aberta na sala de exposicións de Burela. Falounos do Museo do Humor e adiantounos que a súa selección de dous centenares de tiras viaxará proximamente ás Pontes. 

Nos minutos finais, conversamos brevemente con Sofía Espiñeira, a cantautora da Terra de Trasancos que está presentando o seu primeiro disco.





01/03/17

Proxecto Neo, 186.6: Miguel Guido González Szamocki


Comezamos o programa en conversa con Alexandra Alonso, que nos fixo a crónica dos Entroidos de Xove, Alfoz,  San Cibrao e Burela. O seu relato en primeira persoa fixo ponte coas vivencias que nos contou Alba Geada do seu paso por Padrón, onde visitou a Fundación Camilo José Cela e a Casa de Rosalía de Castro. Pola súa parte, Noé Fernández Quelle tamén nos fixo partícipes da súa exitosa participación nos desfiles de Entroido da Mariña.
Xa na segunda parte do programa,  conversa centrouse na figura de Miguel Guido González Szamocki, actor, músico e profesor do Instituto Camilo José Cela de Padrón.