Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

30/11/16

Flávio Varela Rocha

Flávio Varela Rocha no estudio de Radio Burela (Foto: Lucía Rivas)

















Bernardo Penabade


Cando Proxecto Neo alcanza números redondos de semanas en emisión, é habitual que procuremos unha entrevista cunha persoa de Cabo Verde. Primeiro estivo connosco Antonina Semedo -a grande Matriarca- e despois acompañáronnos Marina Barbosa, Lavilson Rodrigues, Silvera Vicente de Oliveira, Carla e Kátia da Veiga Gomes, Viviane Furtado, Laura Sofia Semedo Brito e aínda outros alumnos e alumnas procedentes do "Atlántico Africano", como diría o noso Manuel Rivas.
No programa 175 tivemos de novo ese privilexio tradicional. Falamos con Flavio Varela Rocha e tivemos resposta inmediata: "adiante; sen problema; eu colaboro".

"Eu colaboro", dixo Flávio. Mais, quen é Flávio?

Chámase Flávio Varela Rocha. Naceu en 1999 na Ribeira da Barca, un porto pesqueiro da parte meridional da Illa de Santiago, en Cabo Verde. Con só 16 anos fixo exactamente o mesmo que fixeron tantos e tantos compatriotas nosos durante os séculos XIX e XX: cruzou o Atlántico. A nosa xente foi para a Habana e este mozo veu para Burela. Aqueles en barco; estes outros en avión. Mais coa mesma angustia que deixou tan ben plasmada Rosalía, o mesmo que a plasman as grandes voces líricas do arquipélago caboverdiano. Nosas son aquelas historias e nosas son tamén estas. Compartidas. Ambos pobos sabemos ben o que é saír e temos experiencia en saír en condicións moi parecidas.

Con só 16 anos, Flávio Varela Rocha responsabilizouse da súa irmá pequena desde o aeroporto Nelson Mandela da cidade de Praia ao de Alvedro, na Coruña. Polo medio houbo que cambiar de avión en Lisboa e superouse o obstáculo.

Nestas circunstancias, Flavio Varela Rocha presentouse no Instituto Perdouro de Burela durante a mañá do día 7 de xaneiro de 2016. Falou inicialmente coa Orientadora, a profesora María Jesús Permuy Pérez, que ficou admirada da educación e as habilidades sociais que mostraba o rapaz. Despois entrevistouse coa nosa Xefa de Estudos, a profesora María José Andión Fontela, que tivo exactamente a mesma impresión: "Chegounos un novo alumno. Chámase Flávio. Ten un carácter excelente".

Bon ollo teñen María Jesús Permuy e María José Andión. Unha superficial avaliación inicial dábao a entender e outra avaliación bastante máis seria confirmábao moi ben confirmado. Tiña Flávio unha boa formación? No substancial, si. Excelente. A anos-luz do alumnado da súa idade co que estamos acostumados a traballar. En Matemática?, en Historia?, en Inglés?... Non, niso non. En algo moito máis importante: no saber estar, no poder falar de persoa a persoa, na consciencia do valor da educación, no compromiso, na empatía, na educación en valores, na pedagoxía dos afectos...

-Eu esa Matemática non a sei.
-Xa a saberás. Non teño medo.
-Mais Filosofía tampouco...
- O teu problema é a Historia da Filosofía, mais a Filosofía non é ningún problema para ti. Lévala na alma.
-Aliás, eu non sei Inglés.
- Certo! Inglés aínda non, mais chegará o momento en que saibas Inglés e Francés... Latín e Grego, non, porque es de Ciencias.
-Son de Ciencias, si, mais quero cambiar a Letras. Dixéronme que cambiase para Humanidades. As Ciencias non as vou superar.
-Dixéronche mal.
.-Por que?
-Porque es de Ciencias... e hai que loitar por chegar a ser aquilo que un quere ser.

Nesas está Flávio Varela Rocha. Quen teña dúbidas que escoite a gravación do programa 175 e que se poña na súa situación. Que se imaxine nunha emisora dun país estraño a once meses de ter chegado ao tal país. Que se imaxine nesa situación e que teña o pés na terra.
Despois que opine publicamente.

Felizmente, hai alumnos e alumnas así. 
Son o mellor dos alimentos para que a vocación continúe na liña do dez (sobre dez). 

Proxecto Neo, 175.6: Flávio Varela Rocha



Alcanzado o número 175, comeza a ser visto o horizonte dos 200 programas de Proxecto Neo. Este número redondo estivo protagonizado por Flávio Varela Rocha. Unha autoridade académica. Outro auténtico exemplo de superación de obstáculos. Con el falamos de Cabo Verde, da Illa de Santiago, de Ribeira da Barca, de viaxe trasatlántica, de escolas, de amizades... da vida.

23/11/16

Proxecto Neo, 174.6: Claudia Olaya Saavedra, Henrique da Costa e Nuria Araújo


Claudia no estudio de Radio Burela (FOTO: Lucía Rivas)
Dedicamos o programa 174 de Proxecto Neo a coñecer a nosa alumna Claudia Olaya Saavedra. Nacida no ano 2000 na cidade de Máncora -no norte do Perú, xa moi perto do Ecuador-, chegou á nosa terra en 2004 e agora está completando o primeiro curso de bacharelato. No final da entrevista, falamos con Henrique da Costa, o autor de Mar para todo o sempre (Ed. Laiovento), obra narrativa ambientada en Santiago de Compostela, Évora e El Callao (no Perú).
Nos últimos minutos conversamos con Nuria Araújo, profesora do Instituto de Negreira, que nos fixo unha crónica do obradoiro de interculturalidade que ministrou naquel centro o sociolingüista Anik Nandi.

09/11/16

Proxecto Neo, 172.6: Francisco Piñeiro González


  
Aproximámonos ás 175 entregas, que corresponden a outras tantas semanas en antena. Desta vez tíñamos a formación de gala para recibir a vista de Francisco Piñeiro González, o mestre Paco Piñeiro
Despois dunha presentación do programa feita con velocidade vertixinosa, escoitamos unha breve presentación do entrevistado feita por Felipe Díaz Valle ("O Caxoto Cativo") e complementada polas palabras de Alba Geada. Co apoio da música contextual de Carme R. Lage, que nos interpretou "Sempre Mondoñedo", botamos a andar.

Despois tomou a palabra o orador do Reguengo, que se presentou como neno labrego que ía á escola "cando quería e cando podía" e que nos falou dun acto "de xustiza pola man". Despois combinamos o discurso fluído do convidado coas palabras emocionadas de Fran Barcia, de Josita Enríquez Echevarría, de Luján Ramos Ben, de Laura Rodriguez e de Lorena Barcia.

No final, en representación dunha longa ringleira de alumnado falamos tamén con Antón Díaz Valle, Antón Caxoto, que neste programa colaborou con nós tamén en tarefas de produción.

Unha hora de radio e educativa.

02/11/16

Proxecto Neo, 171.6: Antón Niñe


O profesor Antón Niñe no estudio de Radio Burela
en fotografía feita por Lucía Rivas


O programa 171 estivo protagonizado polo profesor Antón Niñe. A Masa Coral "Modelo Burela" reuniuse arredor da mesa do estudio da emisora e estruturou unha conversa en tres partes: a infancia e a formación académica; o exercicio da docencia e a presidencia da Asociación Cultural Os Matos; e a súa produción ensaística.
Despois dunha introdución musical de Javier Alonso "Chingla", nos primeiros minutos xa se abordaron dous temas: o do lugar de nacemento e o do apelido. Ficou claro que, vinculado durante case toda a vida a Foz, Antón Niñe naceu en Barreiros. Outro tanto ocorreu co apelido: na Internet aparece como "Níñez", "Núñez" e incluso "Niñé", mais a forma correcta é NIÑE, documentado desde o século XVIII.
De grande interese son tamén aqueles minutos en que se fala da súa familia mariñeira (porque se tratan os temas da economía pesqueira e do transporte de mercadorías) e aqueles outros en que se Antón nos evoca a súa formación no Colexio Martínez Otero e no Instituto de Ribadeo.

Unha cortina musical extraída do trillo sonoro do Clube dos Poetas Mortos deu paso a outro bloque de contidos en que falamos da experiencia didáctica no Instituto Perdouro, dos cambios na lexislación educativa e da importancia da Asociación Cultural Os Matos, que tanto leva contribuído para o noso modelo educativo cosmopolita.

Na última parte deixamos nun segundo plano o profesor para poñer no centro do foco o escritor de ensaio. Comezamos falando do libro IES PErdouro, 20 anos de vida e, como se nos foi o tempo, pasamos directamente a comentar a súa obra máis importante: Fondós, de escola a gardería infantil.

Antón Nñe co equipo de realización do programa. Encima da mesa están algúns dos seus libros