Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/02/16

Proxecto Neo, 151.- O Val das Mouras; Luzia Oca; e Angélica Gomes



O Val das Mouras é unha banda musical de Cataluña que dedicou un disco completo a Rosalía de Castro. Con David Fernández, un galego-catalán (ou catalán-galego), coñecemos brevemente a historia do grupo.
Despois falamos con Luzia Oca, que nos presentou o libro Caboverdianas en Burela (1978-2008), unha obra que recolle unha actualización da tese de doutoramento desta profesora da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.
Na segunda parte do programa conversamos demoradamente con Angélica Gomes, a concelleira de Inmigración do Concello de Burela.

17/02/16

Proxecto Neo, 150.- Lidia L. Teixeiro; María do Ceo; Anna Katharina



Lidia L. Teixeiro fixo rede social connosco por feliz iniciativa súa. Díxonos que nos escoitaba desde un lugar próximo ao río Manzanares e que o programa podía ter algunha utilidade para o alumnado do Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense, a institución para a que ela traballa. A nós a mensaxe de Lidia encantounos, entón pedímoslle que nos dixese aquelas cousas tan lindas coa súa propia voz. E así o fixo: mandóunola pola vía do whatsapp. Ese foi o comezo da produción deste programa.

Con este precedente, cremos que calquera descrición do contido da conversa é totalmente desnecesario.
María do Ceo, Antonina Semedo e 
Ramón Reimunde na Casa da Cutura de Burela

O que non é desnecesario é dicir -en alta voz- que lle fixemos un presente único a Lidia. Iso si que o hai que escoitar.
Como tamén hai que escoitar a mini-entrevista con María do Ceo. Tres ou catro minutos moi substanciosos.
Na parte final, a cereixiña do roscón: unha entrevista con Anna Katharina, unha artisa alemá que entrou en contacto coa cultura galega a través de Isaac Díaz Pardo e de Celso Dourado. Suficiente?

10/02/16

Proxecto Neo, 149.- Luís Martínez-Risco; Maka Ledo; Nastasia Zürcher



'VOAR'

Nom penso já em ti
Já non desejo que fagas parte de mim
Já nom duvido quem som eu
Caminho lento, mas certo

Olhos abertos, pés no cham
Procuro sentir mais do que pensar
Ouvidos atentos às mensagens do céu
Caminho certo e sincero

Voar longe com o mar
Quero sentir a brisa no meu rostro
E desenhar com a minha voz
Os passos que deixo nesta vida

Eu já nom sinto mais esta bágoa de sofrimento
Estou despida frente a mim, frente a vida
Assumo dizer sempre a verdade, sempre real
Já sentim o que é voar
Só quero manter as minhas asas abertas

Para voar longe com o mar
Para sentir a brisa no meu corpo
E desenhar com o som da minha voz
Os passos que deixo nesta terra

Os días passam, as palavras derivam
Só perduram os nossos sonhos eternos
Desafiándo os medos do sendeiro
Só importa o real que és

Para voar longe com o mar
E sentir a brisa no teu corpo
E desenhar com o som da tua voz
Os passos que deixas nesta terra

Eu quero voar longe com o mar
Quero sentir a brisa no meu rostro
E desenhar com o som da minha voz
Os passos que deixo nesta terra

Comezamos o programa falando co presidente da Fundación Vicente Risco. Ademais de nos presentar a sede de Allariz e de nos facer partícipes das actividades programadas nela, o profesor Risco tamén nos presentou as actividades de CULTURA QUE UNE. Concretamente, centrámonos nos encontros literarios dedicados a Miguel Torga e Manuel María, a celebrar primeiro en Sabrosa e despois en Outeiro de Rei.
Con Maka Ledo tivemos unha primicia informativa: fomos os primeiro medio que recolleu a noticia da publicación do seu primeiro libro: Nefelibata.
Na segunda parte do programa, a Equipa Neo conversou con Nastasia Zürcher. Foi a primeira aproximación a unha artista que vai soar moito na nosa emisora. Á entrevista non lle poñemos adxectivos. Contentámonos con que cada persoa que a escoite lle poña o seu.

03/02/16

Proxecto Neo, 148.- Sabela Álvarez (Galeguízate e conta como o fas)


Comezamos o programa refrescando a memoria da nosa audiencia para que identificasen a nosa colaboradora. Silvera Vicente de Oliveira comentounos que naceu en Ribeira da Barca, na parte sur da illa de Santiago (Cabo Verde); que, cando tiña seis anos, o pai emigrou para o norte de Galiza; e que neste lugar se reagrupou a familia en 2008, após un período de 45 días en Dakar (experiencia nada gratificante).

   Despois de escoitarmos brevemente a intervención de Silvera Vicente, puxémonos en comunicación telefónica con Sabela Álvarez. Inmediatamente despois da presentación, pedímoslle que nos comentase as circunstancias en que renaceu galega e fíxoo. Falounos do seu paso pola Escola Oficial de Idiomas "Jesús Maestro", das súas profesoras Neves González e Rosa do Rego; e do ambiente que propiciou que ela e algunha compañeira pasasen a exercer de galego-falantes.
Máis adiante tamén abordamos como botou a andar a rede social "Galeguízate e conta como o fas", unha rede que tivo moito suceso e que cada recolle máis integrantes, que participan desde calquera lugar do mundo.
Todas as persoas interesadas en acompañar as actividades deste grupo poden conseguir poñerse en contacto coas impulsoras a través galeguizate.blog [arroba] gmail.com ou do grupo de Facebook.