Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

21/12/16

Proxecto Neo, 178.6: Manu Queiro (VintenBaio); Escola de Prensa de El Progreso

 
Nos primeiros minutos do programa, comunicamos con Baio. Manu Queiro presentounos o disco "Aínda queda xera", un conxunto de dez pezas musicais interpretadas por esta banda musical formada por alumnos e alumnas do Instituto Maximino Romero de Lema. Inmediatamente despois, conservamos con cinco alumnas de 3º de ESO, adscritas a un programa PMAR do Instituto Perdouro. Con elas falamos de diversas actividades e puxemos en destaque a Escola de Prensa de El Progreso, unha actividade realizada co patrocinio da empresa Leyma.

17/12/16

ALBA PORRAL QUINTILLÁN

Vista panorámica do acto de presentación de El beso azul, obra narrativa de Jordi Sierra i Fabra, ambientada na Transición española coa Memoria Histórica ao fondo. O escritor catalán estivo acompañado por Carmen García-Rodeja (ARMH), José Manuel Sande (concelleiro de Cultura) e Alba Porral Quintillán (xornalista)

"Son de Viveiro. Nacín en Caracas, mais crieime na Mariña", con estas palabras presentóuselle Alba Porral Quintillán a Andrés Pardo Parra no programa 177.6 de Proxecto Neo. Tras unha brevísima referencia aos estudos de Ciencias da Comunicación en Compostela e á experiencia laboral en Radio Coruña e noutros medios, a entrevistadora-entrevistada e o entrevistador-en-fase-de-primeiras-prácticas pasaron a facer animación á lectura. Fixérono co apoio referencial dun programa de actos que reuniu na Libraría Moito Conto (R/ de Santo André, Coruña) o escritor Jordi Serra i Fabra con diferentes tipos de público.
"Jordi Serra i Fabra é o autor vivo con máis obra publicada. Escribiu case 500 libros. Se aínda non lestes nada del, recoméndovolo especialmente. Iso si: se lle ledes un libro, vades querer máis". Así de contundente se manifestou a xornalista cando o estudante lle pediu que nos fixese unha breve presentación do escritor. Por se iso non fose suficientemente motivador, a lectora evocou a súa propia adolescencia e comentounos as consecuencias derivadas da lectura de Nunca seremos estrellas del rock. O resto é unha fermosísima historia. Nada mellor que escoitala na voz da propia protagonista.

Jordi Sierra i Fabra e Alba Porral na libraría Moito Conto da Coruña. O escritor e a lectora que confesou terlle lido 97 libros compartiron un dos eventos de animación á lectura

15/12/16

Proxecto Neo, 177.6: Xosé Tomás; Alba Porral Quintillán; Jordi Sierra i Fabra





Xosé Tomás presenta o seu Manual de Escola e Proxecto Neo quere contribuír a divulgalo: porque leva un prólogo de Francesco Tonucci, porque leva outro prólogo de Xaquín Marín, porque é obra de Xosé Tomás e... tamén porque nese libro está o modelo de escola co que nos identificamos.

Na segunda parte do programa, aproximámonos á Memoria Histórica e fixémolo a través da literatura. A xornalista Alba Porral Quintillán comentounos como descubriu con 13 anos unha obra de Jordi Sierra i Fabra e díxonos que desde aquela lle levaba lido case un centenar. 

Despois da presentación, falamos co propio Jordi Sierra. Mellor dito: a masa coral estivo en silencio, porque deixamos a nosa representación na voz de Alba Geada (que actuou como solista). O auténtico man a man merece a pena ser escoitado.