Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

14/10/15

PROXECTO NEO, nº 135.- Mónica Palacios Ferreira e Marco Pereira Oliveira



Comezamos o programa 135 en conversa coa nova integrante do Equipo Neo: Mónica Palacios Ferreira. Con ela falamos da súa breve experiencia de locución feita no programa 134 e das sensacións vividas na súa primeira experiencia radiofónica. Apoiándonos na música de Sacha na Horta tamén lle demos as boas-vindas a Karina Parga, que se reincorporou ao programa. 
Despois da música, recibimos no estudio a visita de Marco Pereira Oliveira, estudante do ciclo superior de Administración e Finanzas no Instituto Perdouro de Burela. Coa condución de Maka Ledo e Helena Valle, iniciamos unha tertulia en que falamos de moi diversos temas. Principiamos por Tras-os-Montes -concretamente de Vila Real, Vila Pouca de Aguiar e da Ribeira da Pena- de onde é orixinaria a familia de Marco, que xa naceu en Xove. Seguimos, abordando as condicións laborais dos empregados do sector madeireiro, no que estivo enrolado o pai do noso convidado.
Navegando mar adentro, falamos das condicións de educación do alumnado invidente: da preparación do profesorado, da colaboración que presta a ONCE -desde as delegacións de Pontevedra, Coruña e Lugo- e dos avances tecnolóxicos que favorecen a alfabetización das persoas con falta de visión.
Non deixamos esquecido case nada: tratamos a aprendizaxe, a realización de probas de verificación dos coñecementos e incluso a participación en actividades extraescolares (natación, pintura... e a radio).
Marco Pereira comentounos como se interesou pola radiodifusión. Tivo palabras de lembranza para Senín Díaz (de Radio Burela) e María José Pardiñas (profesora de Tecnoloxía) que propiciaron os seu contacto inicial co medio e tamén para Pepe Peinó e Matías Nicieza que lle facilitaron a oportunidade de facer un programa en directo durante o primeiro semestre de 2015.
Nos minutos finais confirmounos que pensa continuar producindo un programa para Radio Burela. A música de Fausto Bordalo Dias puxo fin a esta emisión.

Sem comentários:

Enviar um comentário