Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

28/10/15

PROXECTO NEO, nº 137.- Carmen Fernández Morante; Adela Figueroa, Montserrat Lombardía, Pepe Paz; Fran Rei

Lucía Rivas captou o momento da entrevista feita a través
do programa Skype

 
Comezamos o programa 137 escoitando unha peza musical con mensaxe de ánimo e motivación. Despois de proclamar ao unísono "Sexa // o que for", entramos en contacto con Dna. Carmen Fernández Morante, que nos atendeu desde Santander, e a quen Mónica Palacios presentou como: "unha profesora con currículo Modelo Burela, porque é especialista en tecnoloxía educativa; porque imparte ensino sobre as novas tecnoloxías aplicadas á educación; e tamén pola súa traxectoria intercultural".
Na entrevista, co son do traballo de Lucía Rivas ao fondo, falamos de moi diversos temas, entre eles a adaptación da neofalante á nosa terra, "onde levo media vida" -segundo nos dixo. Despois, a profesora Morante presentounos as titulacións da Faculdade de Ciencias da Educación da USC, que son seguidas por máis de dous millares de futuros docentes. A seguir respondeu unha pregunta moi directa de Maka Ledo: "Cre que o sistema escolar está respondendo ben aos avances tecnolóxicos?"; falou da atención á diversidade; e finalmente da presenza do multiculturalismo no ensino superior.
No punto final da entrevista... a música!
Como voando, dirixímonos á India para conversar cunha grande amiga de Proxecto Neo: Adela Figueroa Panisse. A profesora luguesa atendeunos desde Shantiniketam, onde estaba acompañada pola tamén profesora Montserrat Lombardía. Ambas facían visita ao pedagogo Pepe Paz, impulsor dunha Casa da Galiza naquela terra. Na voz dos protagonistas, tivemos información sobre a presenza do idioma galego en Goa, do ensino solidario na Bengala... e de moitos temas.
Mentres facíamos entrevista, recibimos chamada de Marco Pereira Oliveira, que interviu en directo. Foi bonito unir Burela, Xove e a Mariña toda co oriente asiático.
No último cuarto, tributamos homenaxe a Manuel María. Primeiro Lavilson Rodrigues e Alex Landim fixeron crónica dunha viaxe de estudos á Casa Museo de Outeiro de Rei e despois Fran Rei púxonos o contrapunto para a mesma información.

22/10/15

PROXECTO NEO, nº 136.- Higino Martins Estévez e Chus Villamar




Programa 136 de Proxecto Neo. Comezamos entrevistando o profesor Higino Martins Estévez, integrante da Asociación "Amigos do Idioma Galego de Buenos Aires" e membro da Academia Galega da Língua Portuguesa. 
No último cuarto conversamos con Chus Villamar, que creou e actualiza o blogue www.polavoltadosor. blogspot.com

14/10/15

PROXECTO NEO, nº 135.- Mónica Palacios Ferreira e Marco Pereira Oliveira



Comezamos o programa 135 en conversa coa nova integrante do Equipo Neo: Mónica Palacios Ferreira. Con ela falamos da súa breve experiencia de locución feita no programa 134 e das sensacións vividas na súa primeira experiencia radiofónica. Apoiándonos na música de Sacha na Horta tamén lle demos as boas-vindas a Karina Parga, que se reincorporou ao programa. 
Despois da música, recibimos no estudio a visita de Marco Pereira Oliveira, estudante do ciclo superior de Administración e Finanzas no Instituto Perdouro de Burela. Coa condución de Maka Ledo e Helena Valle, iniciamos unha tertulia en que falamos de moi diversos temas. Principiamos por Tras-os-Montes -concretamente de Vila Real, Vila Pouca de Aguiar e da Ribeira da Pena- de onde é orixinaria a familia de Marco, que xa naceu en Xove. Seguimos, abordando as condicións laborais dos empregados do sector madeireiro, no que estivo enrolado o pai do noso convidado.
Navegando mar adentro, falamos das condicións de educación do alumnado invidente: da preparación do profesorado, da colaboración que presta a ONCE -desde as delegacións de Pontevedra, Coruña e Lugo- e dos avances tecnolóxicos que favorecen a alfabetización das persoas con falta de visión.
Non deixamos esquecido case nada: tratamos a aprendizaxe, a realización de probas de verificación dos coñecementos e incluso a participación en actividades extraescolares (natación, pintura... e a radio).
Marco Pereira comentounos como se interesou pola radiodifusión. Tivo palabras de lembranza para Senín Díaz (de Radio Burela) e María José Pardiñas (profesora de Tecnoloxía) que propiciaron os seu contacto inicial co medio e tamén para Pepe Peinó e Matías Nicieza que lle facilitaron a oportunidade de facer un programa en directo durante o primeiro semestre de 2015.
Nos minutos finais confirmounos que pensa continuar producindo un programa para Radio Burela. A música de Fausto Bordalo Dias puxo fin a esta emisión.

07/10/15

PROXECTO NEO, nº 134.- Xoán Carlos Rodríguez e Tomi Legido (CUAC FM)



Lucía Rivas captou o momento da primeira intervención
de Mónica Palacios (á dereita da imaxe) en Proxecto Neo


Cheos de vida. Así comezamos. Outra vez con Guadi e outra vez aquilo de "Voltar... onde a pedra o viu medrar... Estarei subindo a unha montaña... Estarei buscando a sombra dunha parra". Con ese Norte, buscamos a comunicación con Xoán Carlos Rodríguez, poeta da Coruña, integrante de Ronseltz. Non nos foi nada difícil, porque inmediatamente despois do saúdo xa nos presentou o lugar de Barra, en Ourense, de onde é orixinario. Tamén nos falou da familia -emigrantes na Suíza- e do retorno ao país para asentárense na Coruña, onde traballaron no ramo da madeira. Entrando en materia literaria, evocamos a súa participación na revista Trapalladas editada no Instituto Agra do Orzán e a seguir paramos na Faculdade de Filoloxía da Coruña para falarmos sobre os colectivos poéticos A Illa Quente de Ningures e Ronseltz, aquel en que participou o noso convidado xunto con Miki Nervio, Xavier Cordal, Serxio Iglesias e Manolo Cortés.
Chegados a ese momento da conversa, emerxeu unha nova voz, a de Mónica Palacios, que viña simplemente como observadora; non estaba no guión.
-Xoán Carlos... fálanos un pouco do novo libro: Sectores de Fogo.
Estas foron as palabras da entrada. Despois chegaron máis. O mellor dos ramos cos que se podería finalizar a entrevista.
Capa do libro


Contra-capa

A música de Emilio Rúa serviu de cortina de separación da primeira coa segunda entrevista. Maka e Mónica propiciaron a conversa con Tomi Legido, que participou en representación de CUAC FM. Foi así como coñecemos as orixes desta emisora impulsada por un grupo de estudantes da Universidade da Coruña. Primeiro anotáronse no Clube de Prensa da propia universidade, despois fixeron prácticas en Radio Culleredo e en 1996 decidíronse a constituír unha asociación xuvenil co obxectivo de manter unha emisora comunitaria. De aí a chegar a emitir as 24 horas houbo moita historia e desa historia nos falou un dos seus protagonistas.