Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

13/08/15

RINLO


O desenvolvemento dos traballos de campo da iniciativa Palabra e Memoria, incluída na intervención educativa Modelo Burela, levounos nestes días á localidade de Rinlo e alí descubrimos os resultados doutra intervención en termos moi semellantes realizada desde os últimos anos do franquismo. Primeiro a través do portal O meu pobo de Rinlo e posteriormente por medio das indicacións de dous dos seus impulsores -Pedro Cobo e Santiago del Río Gutiérrez-, coñecemos unha información moi valiosa, que nos servirá de punto de partida para un estudo máis en profundidade dun referente importantísimo que descoñecíamos.
Na espera de podermos establecer algún tipo de convenio que nos permita coñecer in situ o desenvolvemento do proceso (ao estilo das nosas Visitas Modelo Burela), recomendamos a visualización desta xanela aberta a Rinlo, a súa xente e o seu patrimonio.
Do portal O meu pobo de Rinlo aprovéitase todo, da presentación ás biografías e incluso ao Libro de Visitas.
Sirvan, pois, estas palabras de recoñecemento para todas as persoas que fixeron e fan posible esta revitalización patrimonial, con lembranza moi especial para Alfonso Pampín:

Nacido en Melide en 1928, chegou a Rinlo con só 26 anos, case recén saído do Seminario. Antoño de Maripiepa -que por aquel entón andaba polos catorce anos e que foi a primeira persoa de Rinlo que falou con el- dicíanos: -"Lembro que era un día de inverno con un frío que non se aguantaba, chegou en taxi a diante da casa de Amparo. Nada máis baixarse, dirixiuse a min e díxome "Al mal tiempo...!!" ao que lle respondín con celeridade "¡¡... buena cara!!". 
Galeguista como o que máis e grande amante da cultura, a música e o teatro, soubo gañar a confianza da xente pola súa sinxeleza, o seu carácter confraternizador e o seu compromiso cos problemas colectivos. Tamén pola súa participación e colaboración desinteresada en calquera proxecto cultural ou social para o que se reclamase a súa implicación.
(Fragmento tomado directamente da bitácora xa citada)