Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

18/05/15

Proxecto Neo, 127.- Melisa R. Bermúdez (Recursos Educativos Abertos); Quico Muñoz.



No programa 127 ofrecemos información sobre a delegación galega da Asociación TEL e os Recursos Educativos Abertos (REA). Nada máis facermos a presentación, recibimos a colaboración de Melisa R. Bermúdez, da área de Enxeñaría Telemática da Universidade. A esta filla de Camariñas dedicámoslle a peza do mesmo nome, interpretada por Luz Casal e Luar na Lubre.
Nunha conversa fluída, conducida con moita habilidade por Maka Ledo, Melisa explicounos con pormenor aquilo que tan ben se describe na páxina dos Recursos Educativos Abertos:

O obxectivo principal de Edu-AREA é contribuír á innovación docente a través de tecnoloxías Web 2.0 e Web 3.0 que promovan a participación activa dos usuarios. De forma máis concreta os obxectivos do desenvolvemento da aplicación de Edu-AREA son: 
1) Facilitar o acceso a recursos e propostas educativas que os docentes poden explorar, copiar e adaptar para crear as súas propias guías docentes e ademais coñecer as propostas doutros docentes facilitando a súa mellora continuada. 
2) Facilitar a documentación das experiencias educativas en base ao rexistro de evidencias e á realización de reflexións sobre as guías docentes de forma que se facilite a avaliación das mesmas. 
3) Fomentar o rexistro e descubrimento de novas actividades e recursos educativos (contidos, ferramentas TIC, persoas, eventos, localizacións) que contribúan a enriquecer as propostas educativas dos usuarios (recomendacións, identificación de modas e tendencias). 
4) Facilitar a adopción de políticas de licenciamiento abertas: Creative Commons. 
5) Introducir facilidades de clasificación e organización de información así como de curación de recursos e proposicións educativas por parte dos usuarios (folksonomías).

Na segunda parte do programa, con Antón Cortizas facendo de ponte, os mandos pasaron de Maka a Helena Valle para que conducise a conversa co Dr. Francisco Muñoz, anestesiólogo do Hospital da Costa. De Anestesioloxía falaron no comezo, mais despois tamén se tocaron outros temas como o do deporte -concretamente o ciclismo- e das asociacións Alas de Vida e Debra, que procuran axuda para as persoas aqueixadas de enfermidades raras (como é o caso das que teñen Pel de Bolboreta).
Os minutos finais do programa 127 trouxéronnos outro documento para enmarcar: entre Silvera Vicente de Oliveira e Noelia Parga Gaitica fixeron a súa primeira entrevista radiofónica. Unha entrevista por teléfono!! Así debutaron as entrevistadoras da profesora Adela Figueroa para facer crónica radiofónica da celebración do Día da Diversidade Cultural.
A nós encheunos de orgullo.

Sem comentários:

Enviar um comentário