Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

28/05/15

ACTIVIDADE DE FOMENTO DO DEPORTE E A SOLIDARIEDADE


O Dr. Quico Muñoz, do Hospital da Costa, participou nun coloquio con alumnado do Programa de Diversificación Curricular (PDC)




O Dr. Quico Muñoz González, médico anestesiólogo do Hospital da Costa, foi o protagonista dunha actividade encamiñada ao fomento da integración social do alumnado do Programa de Diversificación Curricular.
Integrante de DEBRA ESPAÑA (Asociación de Epidermolise Bullosa), unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas afectadas por esta “enfermidade rara”, por profesionais socio-sanitarios e tamén por outras persoas que colaboran de xeito altruísta, o Dr. Muñoz é unha persoa moi implicada no deporte -practica o ciclismo- e nas actividades de integración social. Concretamente na Mariña, é un dos impulsores das carreiras solidarias “Alas de Vida” co obxectivo de reunir fondos para informar, formar e investigar sobre a enfermidade coñecida como “Pel de Bolboreta”.
Neste acto académico transmitíronse os valores do exercicio deportivo e dos hábitos de vida saudable; e salientouse a importancia da participación en actividades e proxectos destinados á integración social das persoas en risco de exclusión. 
O Dr. Muñoz contou ao noso alumnado determinadas vivencias do cicloturismo, unha práctica deportiva que o levou a toda a Península Ibérica, á cordilleira pirenaica, aos Alpes e incluso ao Himalaia (concretamente á zona do Nepal que está sendo devastada polos sismos).

27/05/15

Proxecto Neo, 128.- Rodrigo López; Laura del Río; Txerra Rodríguez





Na tarde do 27 de maio de 2015 emitimos o programa 128, producido por Noelia Parga Gaitica e Álex Landim Correia.
A cooperativa de comunicación comezou conversando con Rodrigo López, director musical da Escola de Gaitas de Ortigueira e profesor de música na Asociación Dambara de Burela. Co Maestro da música tradicional falamos sobre a súa participación na celebración do San Patricio en Nova Iorque e sobre o traballo didáctico da Escola de Gaitas de Ortigueira que se converteu nunha institución de referencia na música tradicional pouco despois de ser fundada por Xavier Garrote. A seguir falamos da experiencia en Dambara e centrámonos na progresión de Álex Landim, que chegou a Burela e rapidamente se interesou pola música tradicional da nosa terra. O gaiteiro incipiente interpretounos unha peza en vivo e en directo.
No estudio de Radio Burela acompañábanos Laura del Río Quiroga, profesora de Formación e Orientación Laboral. Seguindo as indicacións de Noelia Parga, Maka Ledo conduciu a conversa que xirou arredor de dous temas: o seu traballo no sector hostaleiro no Reino Unido e en Irlanda xusto despois da licenciatura en Ciencia Política; e o retorno ao Estado Español para traballar na cooperación para o desenvolvemento. Durante a tertulia, a través da liña telefónica recollemos os comentarios do farmacéutico Xosé María Torres, que presidiu durante varios anos a organización Farmacéuticos do Mundo.
Nos minutos finais, Txerra Rodríguez presentounos o programa de actividades do Encontro Galizaleak, que durante dous días reúne en Bilbao axentes culturais de ambas as nacións.


20/05/15

DÍA DA DIVERSIDADE CULTURAL

ADELA FIGUEROA
(integrante de ADEGA)


Combinamos passeio polas terras da Ulhoa com o intercâmbio cultural nascido de entre as pessoas que partilharam conosco este Dia da Diversidade Cultural. Já vai para três anos que na Eira da Xoana celebramos esta data. Coincidindo com o Dia das Letras Galegas, dia mais dia menos.
Sendo -como somos- entidade ecologista, e não querendo furtar-nos à celebração da língua e da cultura, fazemos esta homenagem à diversidade. Não só biológica, mas também às diversas culturas que o ser humano tem criado sobre a Terra.
De início fomos andar trás das pegadas dos antigos habitantes da Ulhoa, começando o nosso roteiro pelo Castelo de Pambre, fortaleza que resistiu o ataque irmandinho. Infelizmente não foi tão resistente ao passar dos anos e ao mal cuidado, mas ainda mostra uma magnífica figura. Hoje está em fase de restauro e não se pode visitar. Só por fora. Contornamos o castelo polo antigo caminho real, até chegarmos ao Castro de Remonde.
ADEGA tem adquirido, dentro do recinto do castro, a zona que ocupa a croa. Nesta Terra chamam-lhe a cubela. Ou seja a parte realmente habitada do castro. Lá paramos no lugar que teria ocupado a porta ao recinto habitado e, baixo o bosque de carvalhos que agora existe, falamos dos celtas, dos castrejos e dos seus costumes. Gago, jornalista especializado em arqueologia ilustrou-nos acerca destes pormenores.
Tínhamos também a companhia do esperto em botânica, o doutor Amigo, que manifestou a sua preocupação polo deterioro da paisagem galega, que sofre da monotonia da eucaliptização, por contraste com estas terras da Ulhoa em que ainda ficam testemunhos do nosso bosque autóctone, mália as novas plantações que começam a inçar, quer nas beiras do castro quer onde queira que levemos a vista.
Este é um grande problema ambiental na Galiza de hoje para o qual muitas vozes levantam o seu desassossego preocupadas com o devir do nosso ambiente. Sabemos que estas massas uniformes que já cobrem a maioria dos montes galegos (e não só, prados, terras férteis, etc) trazem a perda da diversidade biológica que nos ameaça assim como perda de solo fértil e destruição de muitos habitats animais. Por isso ADEGA tem levantado a campanha "Cousa de Raízes" tentando pôr em destaque esta problemática e as suas possíveis soluções.
O Roteiro acabou no moinho do castelo cuja ponte sobre o rio Pambre está recentemente restaurada. Neste dia descia bravo em cachoeiras e fervenças.
Já de volta na casa da Eira da Xoana celebramos o jantar de fraternidade partilhando os diferentes pratos que cada quem trouxo: empada galega, polvo e salsas peruanas forneceram uma mesa diversa e rica. Ainda tudo bem saboroso. 
Amável foi também a sobremesa de dozes variados e de paroladas diversas. Ouvimos cantigas quéchuas, contos uruguaios, músicas argentinas, poesias brasileiras e galegas. Pepe Paz deleitou-nos com o relato das suas experiências da Índia onde mora seis meses por ano. Lá tem ele uma Casa da Galiza aberta a quem quiser ir, onde dá comida a meninos sem casta, e trabalha na Universidade Tagoreana.
Contos galegos também não faltaram da parte do Celsinho, conta-contos de Lalim, que já é um visitante assíduo da nossa casinha.
O suave sol de primavera alegrou a jornada e as folhas dos carvalhos e castinheiros do Eirado deram a sombra justa para um dia luminoso e feliz. Guardamos a nossa cultura e cultivamo-la para que nunca desapareça. Para divertir-nos e gozar com ela. Para afortalarmo-nos como povo na certeza do nosso futuro que garantimos através dos contos, as lendas os cantos e o convívio. Conhecemos o nosso rico passado e desfrutamos deste presente entre amigas, colegas e gente vinda doutros lados. Toda a Terra é da gente e dos seres vivos que nela habitam.

Desde a Eira da Xoana enviamos o nosso convite a comunhão com a Terra e com as diferentes culturas que nela se criaram. E com todos os seres vivos que nela fazem a sua casa. 




18/05/15

Proxecto Neo, 127.- Melisa R. Bermúdez (Recursos Educativos Abertos); Quico Muñoz.



No programa 127 ofrecemos información sobre a delegación galega da Asociación TEL e os Recursos Educativos Abertos (REA). Nada máis facermos a presentación, recibimos a colaboración de Melisa R. Bermúdez, da área de Enxeñaría Telemática da Universidade. A esta filla de Camariñas dedicámoslle a peza do mesmo nome, interpretada por Luz Casal e Luar na Lubre.
Nunha conversa fluída, conducida con moita habilidade por Maka Ledo, Melisa explicounos con pormenor aquilo que tan ben se describe na páxina dos Recursos Educativos Abertos:

O obxectivo principal de Edu-AREA é contribuír á innovación docente a través de tecnoloxías Web 2.0 e Web 3.0 que promovan a participación activa dos usuarios. De forma máis concreta os obxectivos do desenvolvemento da aplicación de Edu-AREA son: 
1) Facilitar o acceso a recursos e propostas educativas que os docentes poden explorar, copiar e adaptar para crear as súas propias guías docentes e ademais coñecer as propostas doutros docentes facilitando a súa mellora continuada. 
2) Facilitar a documentación das experiencias educativas en base ao rexistro de evidencias e á realización de reflexións sobre as guías docentes de forma que se facilite a avaliación das mesmas. 
3) Fomentar o rexistro e descubrimento de novas actividades e recursos educativos (contidos, ferramentas TIC, persoas, eventos, localizacións) que contribúan a enriquecer as propostas educativas dos usuarios (recomendacións, identificación de modas e tendencias). 
4) Facilitar a adopción de políticas de licenciamiento abertas: Creative Commons. 
5) Introducir facilidades de clasificación e organización de información así como de curación de recursos e proposicións educativas por parte dos usuarios (folksonomías).

Na segunda parte do programa, con Antón Cortizas facendo de ponte, os mandos pasaron de Maka a Helena Valle para que conducise a conversa co Dr. Francisco Muñoz, anestesiólogo do Hospital da Costa. De Anestesioloxía falaron no comezo, mais despois tamén se tocaron outros temas como o do deporte -concretamente o ciclismo- e das asociacións Alas de Vida e Debra, que procuran axuda para as persoas aqueixadas de enfermidades raras (como é o caso das que teñen Pel de Bolboreta).
Os minutos finais do programa 127 trouxéronnos outro documento para enmarcar: entre Silvera Vicente de Oliveira e Noelia Parga Gaitica fixeron a súa primeira entrevista radiofónica. Unha entrevista por teléfono!! Así debutaron as entrevistadoras da profesora Adela Figueroa para facer crónica radiofónica da celebración do Día da Diversidade Cultural.
A nós encheunos de orgullo.

13/05/15

Proxecto Neo nº 126.- Xavier Regueiro (Tropa de Breoghám; Hala Bedi Irratia) e Isabel Risco



De esquerda para a .dereita: Helena Valle, Maka Ledo, Karina Parga
Na fila de atrás: Silvera V. de Oliveira; Carolina Arcila; Álex Landim; e Kátia da Veiga

O programa 126 estivo dedicado a Isabel Risco e á Tropa de Breoghám. Primeiro atendeunos desde Gastéiz o cercedense Xavier Regueiro, un dos protagonistas da radiodifusión galega en Euskadi. A través das súas palabras coñecemos como chegou a ser realidade aquela iniciativa en que -co noso entrevistado- coparticipan Paulo Lema e Senón Outeiro. Alén de tratarmos o tema dos programas emitidos desde Hala Bedi Irratia, tamén falamos de emigración cun fillo de galegos nacido en Suíza, retornado á nosa terra e agora protagonista dunha segunda emigración, neste caso ao País Vasco.
Entre unha entrevista e outra, aproveitamos para escoitar María Bethânia interpretando un tema con letra de Fernando Pessoa. A seguir, atendeunos telefonicamente a actriz Isabel Risco Valdivieso, que nos confirmou o seu parentesco con Vicente Risco e que nos comentou o presente que está o seu legado na familia.
Durante o programa estivemos acompañados por Álex Landim e Lavilson R. Monteiro  (que observaron o funcionamento do control técnico), de Noelia Parga, Silvera V. de Oliveira e Kátia da Veiga (que seguiron o desenvolvemento da locución); e de Carolina Arcila (que se ocupou da reportaxe gráfica, en substitución da fotógrafa oficial).

06/05/15

Proxecto Neo nº 125.- Especial Tíralle da Lingua (2): Vitoria Feixó, Kátia da Veiga, Sofía R. Pires e Ares Lamas. David Paul Gerards


A expedición representante do Modelo de Nación do Século XXI 
encontrouse coa profesora Cristina Loureiro na entrada da Alameda de Compostela


Abriu o programa 125 unha moza de Bande: Vitoria Feixó. Gañadora do Tíralle da Lingua na edición de 2014, concedeunos unha entrevista para falarnos da Fábrica de Soños que se foi creando no Instituto Aquis Querquernis. Comentounos que comezou a subir aos escenarios con motivo da celebración do Certame de Teatro de Bande e que no instituto aproveitou a oportunidade de facerse contadora de historias. Tamén nos dixo que lle gusta escribir, tanto poesía como narrativa. Despois de nos contar en vivo e en directo un breve fragmento do relato co que participou no Tíralle da Lingua, adiantounos que espera dedicarse ás artes e que para iso pensa facer estudos da especialidade de Fotografía.
Sobre as 17:15 da tarde recibimos a colaboración de Kátia da Veiga Gomes, que nos colleu da man para levarnos en viaxe imaxinaria a Cabo Verde. Despois de facermos un percorrido polo conxunto das nove illas de nome galego, tivo unhas palabras de recordo para o seu tío Silvino, falecido poucos días antes de que ela emigrase á nosa terra.
Finalizada a lectura de Kátia, saltamos outra vez de Burela a Bande, onde nos esperaba Sofía, unha moza de 1º de ESO. E esa moza de 1º de ESO contounos unha historia tan ben contada como se fose unha estudante do primeiro curso dunha carreira universitaria. Bromeamos con ela e bromeou ela connosco. Escoitámola e pasámolo moi ben.
Aínda coas palabras de Sofía T. Pires na cabeza, emprendemos viaxe a Zürich, onde xa estaba á nosa espera David Paul Gerards. Este estudante de Filoloxía Románica atendeunos desde a propia faculdade universitaria, onde estaba acompañado polo profesor Johannes Kabatek. Con David tamén falamos de linguas -porque el fala fluidamente alemán, inglés, romanés, francés, castelán e galego-portugués- e falamos tamén de viaxes: da que fixo a Santiago de Compostela para participar nun curso de galego para estranxeiros; da que fixo á Mariña para facer diversas entrevistas relacionadas cunha investigación sobre o noso idioma; e da que fixo cos seus compañeiros e compañeiras a Mondoñedo para coñecer "in situ" os lugares en que se ambienta a obra literaria de Álvaro Cunqueiro.
O punto final púxoo outra representante da Fábrica de Soños de Bande. Ares Lamas fíxonos voar a imaxinación a través das ondas e levounos coñecer unha singular Fábrica... nesta vez de palabras (para concretizar os soños).

01/05/15

PASTORIZA

ÁLEX LANDIM CORREIA

O PRIMEIRO DÍA EN DAMBARA


O meu primero día en Dambara foi especial, porque tiña nervos e estaba moi ansioso por aprender.
Cando comezamos, eu era incapaz de aprender as notas musicais. Lavilson tampouco o conseguía; non se lle daba ben porque ten as mans grandes. 
Rodrigo animounos moito. Sempre nos repetía: “iso é normal; pasounos a todos. Tendes que practicar máis veces”. Desa maneira, aprender a tocar as primeiras notas foi algo divertido.
No primeiro día aprendemos unha parte dunha canción con Rodrigo. Foi algo incríbel: o ambiente encantador, as primeiras notas e un pouco dunha peza!!
Á hora de nos irmos, eu non quería porque alí estábase ben, mais chegara a hora de ensaiaren os outros. 
En camiño de casa, non paraba de tararear a miña primeira canción: Pastoriza.




Álex Landim nas Illas de Gres, durante unha xornada de visita á Fundación Neira Vilas

PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA


A intervención educativa Modelo Burela que leva por título "Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa" acaba de conseguir un dos cinco premios de innovación educativa convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para programas de actividades a desenvolver no curso 2014-2015. Os outros catro centros con proxectos galardoados son o CPI de Navia de Suarna (con longa traxectoria de innovación educativa); os CEIP de Frións e Heroínas de Sálvora, de Ribeira (compartido); e os IES da Póboa do Caramiñal (impulsor de múltiples iniciativas, entre elas a de 21 días co galego) e o de Rodeira, en Cangas do Morrazo (unha das máximas referencias en materia de motivación e renovación pedagóxica en Galiza).
Aínda que o fío condutor desta iniciativa que acaba de obter o recoñecemento institucional é a alfabetización de adolescentes en risco de exclusión social e o reforzo en materia de comprensión e expresión oral e escrita, outros dos obxectivos pedagóxicos contemplados son: 1) a mellora da convivencia no centro educativo; 2) a atención á diversidade en todas as súas vertentes; 3) o uso innovador das tecnoloxías da información e a comunicación; 4) o desenvolvemento das competencias básicas; e 5) a integración social de mozos e mozas chegados nos últimos anos á nosa terra desde moi diversas procedencias.
O repertorio de actividades incluídas nesta nova entrega da intervención educativa Modelo Burela -en aplicación desde 2004- continúa apostando pola interculturalidade e pola relación fluída entre o centro de ensino e o contexto social a que este dá servizo. Neste sentido, co premio vese tamén recoñecido o traballo e a disponibilidade de Radio Burela e da Asociación Cultural e Musical Dambara.

Albano González Cancio, Rodrígo López Gómez e Matías Nicieza García

Á vista dos limitadísimos recursos económicos con que conta a intervención educativa Modelo Burela -desde 2004, a única fonte de financiación foron os premios de innovación, de contía meramente testemuñal-, a única alternativa de viabilidade era solicitar a axuda desinteresada de particulares e entidades sociais. Así foi como se incorporou a colaborar Matías Nicieza, que leva realizado de xeito altruísta traballos audiovisuais valorados en varios millares de euros. Así naceu a colaboración con Radio Burela, que nos acolle semana a semana desde o 4 de xaneiro de 2012 e que nos permite manter unha escola de comunicación de características semellantes á impulsada no IES Alfoz-Valadouro polo profesor Pepe Peinó, a quen tamén moito debemos.
Para que a programación de 2015 puidese apostar polas actividades musicais como instrumento de integración social, foi determinante a colaboración da ACM Dambara mercé á mediación de Albano González Cancio. Esta xestión dunha das persoas máis implicadas na integración social na Mariña permitiu tentar a aproximación do alumnado inmigrante á música tradicional cando aínda se carecía da mínima dotación económica para esta actividade.
Mais, alén das xestións coa xunta directiva da ACM Dambara, o maior dos méritos de Albano González Cancio e Rodrigo López Gómez (Director da Escola de Gaitas de Ortigueira) está na calurosa acollida dispensada ao noso alumnado e no interese con que tentaron motivar a súa formación musical.

O equipo educativo

Obviamente, o desenvolvemento deste proxecto académico nace do impulso e da constancia do equipo educativo do IES Perdouro. No proxecto que nos ocupa, teñen especial relevo os traballos de José Ramón Leiva (coordinador do recén creado grupo de traballo dedicado monograficamente á atención á diversidade e á integración do alumnado inmigrante);  de Josefa Rodríguez Chao (da área de Tecnoloxía, que propiciou a realización do audiovisual titulado "O Modelo de Nación do Século XXI"); de Ana Vázquez Sesmonde (da área de Física e Química); e de Manuel Carreira (de Formación e Orientación Laboral).

Os premios

Este premio de innovación educativa é o oitavo que consegue o Instituto Perdouro desde a primeira convocatoria en 2006. Súmase a outras distincións como o Premio Peña Novo (outorgado pola AFNL), o Ondas Radiofónicas (pola modesta participación na Ponte nas Ondas), o de Educación sen Fronteiras e O Galego na Onda.