Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

27/03/15

IRMANDADE

Bernardo Penabade

Escribo estas liñas cando faltan poucos minutos para que acabe o día 26 de marzo de 2015, unha xornada laboral que para min comezou cedo -pouco despois das sete- e que acabou case ás dez da noite na Libraría Bahía de Foz, onde estivemos presentando O tesouro do monte, unha obra narrativa escrita por Ramom Reimunde. Despois de tantas horas en intenso activo, aínda me apetece contar esta historia. Porque o merece.
Resulta que o cadro docente de Lingua e Literatura dos institutos Otero Pedraio da Coruña e o de Coristanco promoveron a correspondencia epistolar -e manuscrita- entre o seu alumnado; e, unha vez feitos os primeiros contactos, buscaron unha data para o encontro e pensaron na Mariña como o lugar en que poderían coñecerse.
Así foi: e, pouco despois das once da mañá, fun testemuña en Viveiro dunha iniciativa didáctica que me encheu de ilusión e que me fixo sentir orgulloso de traballar no ensino público.
O que máis fondamente me impactou foi o saber-estar deses dous grupos de mozas e mozos. Acababan de facer unha viaxe longa, mesmo de máis de dúas horas; acababan de saudar por vez primeira en vivo e en directo outros colegas que só coñecían através do papel ou dos medios electrónicos; estaban fóra do seu ambiente... e aínda así en trinta segundos pasaron do ambiente de festa ao silencio máis respeituoso para que o xerente da empresa Galipizza nos ofrecese unha sesión didáctica antolóxica. Tanto foi así que eu non sabía a que atender máis: se a aqueles rapaces e raparigas de comportamento tan educado ou á exposición dun comerciante que nos contaba como lle foi posíbel consolidar a súa empresa familiar que actualmente dá emprego a máis de 150 persoas.
Xusto cando saímos de tan singular sesión formativa -nomeadamente en valores-, subiron ao transporte e fixérono en irmandade, cada quen sentado co seu par. Xa non había autobús dun centro e autobús do outro. Había unha única expedición. Foi nese momento cando soou o teléfono de Radio Burela para facer unha entrevista de pulso ao directo, para transmitir a información ao instante. Respondeu un mozo do Instituto Otero Pedraio da Coruña. Eu, que estaba sentado no asento inmediatamente anterior e que puiden escoitar integramente a conversa, fiquei admirado da fluidez do discurso oral do rapaz e do seu dominio do rexistro adecuado ao contexto.
Despois de visitaren o proceso de elaboración da cerámica de Sargadelos, chegou o momento da comida, que fixemos ao quentiño na biblioteca do Instituto Perdouro, porque o tempo climatolóxico non nos permitía comer nunha área recreativa situada á beira do mar (como era o noso desexo). Non nos meteu ningún medo pedir axuda para mover entre unha sala e outra medio cento de asentos. Cada un levou o seu e ocupouse de o devolver ao seu sitio. Como estaba a biblioteca ao final? Impoluta, evidentemente.
Nun contexto así, resultounos moi gratificamente poder ofrecerlles o mellor de nós e despedímolos coa palabra dos nosos Panchitos, os protagonistas dun vídeo que titulamos O Modelo de Nación do Século XXI, e coa poesía madura de Maka Ledo e Helena Valle.

Que feliz encontro de Irmandade!

25/03/15

Proxecto Neo nº 120.- Henrique da Costa, Xosé Ramón Leiva e Silvera Vicente.




O 28 de marzo de 2013, Lucía Rivas notou que facía falta colaboración en Proxecto Neo e non houbo que pedirlle axuda. Ela mesma se implicou. Faltaba quen puidese ocuparse das fotografías para deixar constancia visual da experiencia que estábamos vivindo. Daquela Lucía botoulle a man á cámara e foi buscando as mellores imaxes. Unhas saíron regular, outras ben e outras mal. Mais había moitas e podíase escoller. O traballo estaba feito.
Dous anos máis tarde non quixemos deixar pasar a data sen ollar atrás para sermos conscientes do camiño andado e sentímonos orgullosos. Orgullosos de Lucía e do conxunto. Por iso neste programa 120 a canción de Helena Valle, reinterpretando a Adele, non era só de Helena. Era un cariño conxunto ao que Helena puxo voz como ela sempre o fai, non só con arte senón tamén con paixón.
A seguir, continuamos escoitando música. Desta vez tamén con voz feminina. De Burela baixamos a Angola e alí recollemos unha das pezas musicais que Aline Frazão dedicou a D. Ricardo Carvalho Calero. Así como o están lendo: un poeta de Ferrol interpretado musicalmente por unha artista angolana. E aínda hai máis: esa manifestación de universalidade viaxando através das ondas desde unha modesta emisora, Radio Burela, con estudios nunha vila mariñeira galega co Mar ao Norte.
Ese foi o preámbulo da entrevista en profundidade que Maka Ledo e Helena Valle fixeron ao escritor Henrique da Costa (Ferrol, 1964). O resultado: un magnífico documento para estudar literatura, para aprender sociolingüística e, sobre todo, para practicar Educación para a Cidadanía.
Oxalá as comunidades escolares podan localizar e saiban valorar esta peza, porque nese caso o ciclo terase felizmente completado.
Porque a entrevista a Henrique da Costa compleméntase cun final tamén moi integrador protagonizado por José Ramón Leiva, profesor Orientador, e por Silvera Vicente de Oliveira, convertida en cronista do obradoiro "Xuventude Promete" celebrado en Lugo entre os días 23 e 25 de marzo de 2015.

18/03/15

Proxecto Neo nº 119.- Xoel Geada e Suso Mosquera

Aproxímase o programa nº 120. No das vésperas, quixemos facer unha boa introdución e por iso procuramos uns contidos especiais. 
Comezamos dando noticia da publicación dunha fermosa crónica escrita por Helena Valle, a quen lle transmitimos os nosos parabéns en directo.
Inmediatamente despois, escoitamos unha peza musical de Xocaloma. Era o "Só foi un soño", que nos fala do soño dunha escola integradora, especialmente atenta á diversidade. 
Despois da música, Helena Valle púxolle voz a un texto de todo o Equipo Neo para a nosa fotógrafa Lucía Rivas. Se perder a emoción, Maka Ledo falounos de microrrelatos e nós adquirimos un compromiso, que cumprimos inmediatamente e que poñemos de manifesto no final desta sinopse.

A conversa con Maka serviu de ponte para a entrevista que lle fixemos a Xoel Geada, premiado no Certame Literario Minerva na súa edición de 2015. Foi así como fluíron os nomes de Lois Pereiro, do Colectivo Ronseltz, de Ramón Blanco e de Nuno García Pico. Como punto final, o esperado: Xoel recitounos un par de poemas da triloxía presentada a concurso.

A última das entrevistas dedicámoslla ao profesor Suso Mosquera, director do CRA de Santa Comba, que nos falou con rotundidade: tras unha experiencia de sete anos traballando neste tipo de colexios, reivindica a súa pervivencia para garantir a atención personalizada, a igualdade de oportunidades e a promoción da vida en contacto coa natureza.

INFORMACIÓN COMPLEMENTAR
Nombre y apellidos del autor:Macarena Ledo Vázquez
Centro educativo:Perdouro
Curso:1ºBachillerato
Localidad:Burela
Título del relato:La ilegalidad de ser ilegal
Juro señor que no soy malo -dije ante el que me quería condenar- Sólo soy uno más... Uno de tantos que veía que la vida de esas personas no iba a tener sentido a ese lado de la valla pues moriría de hambre en poco tiempo ¿y en el llamado "lado bueno"? Ahí por lo menos tendría una oportunidad si se curaba las heridas de las concertinas y no lo enviaban a un CIE.
Señor, ¿de verdad cree que la maldad está en los que ayudamos a los inocentes? Sólo somos esclavos de la conciencia y creemos en la coherencia humana. Puede condenarme, no lo dude; pero yo he visto morir personas, y mis principios son más poderosos que todas las cárceles de este Estado."http://www.lavozdegalicia.es/noticia/espana/2015/03/11/nuevo-salto-valla-melilla-medio-centenar-inmigrantes/00031426062015091302977.htm

VOTA AQUÍ

11/03/15

Proxecto Neo nº 118.- Xosé Neira Vilas, Orlando González Cruz, Antonio Reigosa e Adela Figueroa



Comezamos o programa en conversa con Xosé Neira Vilas, que nos atendeu desde a sede da Función que leva o seu nome. Maka Ledo recordou a visita que lle fixemos o día 3 de marzo e deulle as grazas en nome de todos os compañeiros de expedición. En plena conversa, Neira Vilas foi saudado en directo por Silvera Vicente de Oliveira, que nos contou as súas impresións da visita. Uns minutos antes, Noelia Parga Gaitica puxéralle voz á biografía de Anísia Miranda (Cuba: 1932- Galiza: 2008).
No final da entrevista, Proxecto Neo quixo ofrecerlle un simbólico regalo ao autor de "Ai, Amor", o célebre poema que foi musicado con moito éxito polos integrantes d'A Quenlla (o grupo musical en que participou durante varios anos Antón Crego). Ese regalo tivo como protagonista a Maka Ledo, que recitou en directo o poema gañador do Certame de  Poesía convocado polo Concello de Foz para conmemorar o día dos namorados.
Despois de escoitarmos outra canción da formación musical capitaneada por Mini e Mero -neste caso as "Memorias dun neno labrego"-, pasamos a abordar a inauguración do Roteiro Literario Leiras Pulpeiro. O primeiro dos entrevistados foi o alcalde de Mondoñedo, Orlando González Cruz, que se mostrou orgulloso de como se desenvolveron todas as actividades ao tempo que manifestou público agradecemento a todas as entidades que o fixeron posíbel (Asociación Facendo Camiño; Comarca de Mondoñedo Unida; ACIAM; e Instituto San Rosendo).
Na mesma entrevista, Maca Ledo falou co rexedor mindoniense sobre a súa condición de neofalante do idioma galego, dado que estivo vivindo case trinta anos no Uruguai. A entrevistadora preguntoulle polas condicións de integración durante a fase de retorno á nosa terra así como polo mesmo proceso experimentado polas súas fillas, nacidas na citada república sudamericana.
Finalizada a entrevista co primeiro edil de Mondoñedo, Karina Parga púxose en contacto con Antonio Reigosa, que nos falou desta vez en calidade de Cronista Oficial "da capital da nosa provincia histórica". O autor das Memorias dun raposo tamén se mostrou moi satisfeito co resultado do evento celebrado o pasado venres, día 6 de marzo.
Na parte final do programa, falamos con Adela Figueroa Panisse. A profesora e militante ambientalista convidounos a asistir ao IIº Aturujo pola Terra a celebrar durante a xornada do 28 de marzo na Eira da Xoana, moi perto de Vilar das Donas e o Castelo de Pambre.
Como se fixera con Xosé Neira Vilas, a representante de ADEGA foi presenteada por Proxecto Neo co recitado dun poema. Neste caso a declamante foi a alumna Kátia da Veiga Gomes, que lle puxo voz ao poema intitulado "Chachauí", de Antón Avilés de Taramancos

04/03/15

Proxecto Neo nº 117.4 - Especial "O Galego na Onda"


(Non busques foto, porque non a hai.
A nosa fotógrafa oficial, Lucía Rivas, estaba enferma)


Programa 117 de Proxecto Neo. Foi emitido o 4 de marzo de 2014. Por circunstancias especiais, foi conducido de novo por Bernardo Penabade, que reuniu no estudio de Radio Burela tres entrevistadas: Karina Parga, Elena Valle e Maka Ledo. Por teléfono participaron Simón R. Rouco, Serxio Rivas e Vanesa Míguez (A Recanteira da Mariña).
Despois da sinopse, Simón R. Rouco transmitiu as súas impresións sobre a viaxe a xornada "O Galego na Onda" organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Falou con paixón, mais con aplomo. En nome propio e no nome de todas e todos nós. Ao estilo Proxecto Neo.
Despois recollemos as palabras de Karina Parga, antes de dar paso a Maka e Elena. A través das dúas axudantas da condución, revivimos o ambiente máxico co que Kiko Novoa e Belén Regueira as recibirón na Radio Galega. Maka improvisouno e Elena fixo un recitado, coa música de Luar na Lubre como fondo.
No final, como agradecemento a Emilio Españadero e a Xosé Neira Vilas, escoitamos música de Pé de Boi, a banda das Terras do Ulla.
Máis información:

O Galego na onda: dinamización do uso da lingua oral entre a mocidade

Os obradoiros na prensa comarcal

Noticia da resolución

Participación do Proxecto Neo na Radio Galega