Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

14/10/14

ESPECIAL 100

                  


O punto final da terceira etapa chegou xa no novo curso. Foi concretamente na tarde do 15 de outubro de 2014 e cun programa especial de dúas horas de duración. Aínda un pouco coa comida na boca, presentámonos no estudio de Radio Burela para ultimar os preparativos dado que xa levábamos dous meses sen facermos un programa xuntos. Simón púxose ao mando da sala técnica e Maca, Safou, Helena e Serxio mantivéronse no locutorio.
Ás catro da tarde, todo estivo preparado. Comezamos coa música de Roi Casal e Silvia Ferre, que despois nos concederon unha moi cariñosa entrevista. Tras escoitalos outra vez, nunha peza diferente, viaxamos a Rianxo para falarmos con Valentina Formoso, que nos presentou as liñas de traballo dos Equipos de Normalización de cuxa coordinadora ela é portavoz.
Contra o final da primeira hora, falamos con Valentín García Gómez -Secretario Xeral de Política Lingüística-, quen tamén nos transmitiu palabras de apoio, o mesmo que tiñan feito os contertulios anteriores. Só superficialmente tocamos temas espiñentos, mais fixemos por marcar unha nova cita para falarmos en profundidade. 
A segunda hora comezou coa entrevista a Miguel R. Penas, historiador, que nos atendeu en representación da AGAL, a entidade que promoveu a celebración do Día do Orgullo Neofalante, unha efeméride que nós tamén celebramos. Xuntos fixemos votos para que a próxima convocatoria sexa máis abranxente, de xeito que contribuamos a que o XXI sexa o século do Protagonismo Neo.
A seguir puxémonos en contacto con Marcos Maceira, da Mesa, que tamén nos atendeu coa máxima amabilidade. Falounos demoradamente sobre as actividades da entidade que preside e partillou connosco as súas reflexións sobre a situación xeral do idioma.
Na parte final falamos con empresas de enxeñaría lingüística: Silvia atendeunos desde a sede de Imaxín e Berto desde o estudio de A Navalla Suíza.
Seguindo a liña dos 99 programas anteriores, fixemos do 100 un novo punto de encontro.
Porque a prioridade nesta cultura está en conseguir fortalecer...
... xustamente iso: os puntos de encontro.



Sem comentários:

Enviar um comentário