Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

25/06/14

Proxecto Neo nº 99.3 - Carmela Tomé Valiente + Santiago Fernández Lanza + Karina Parga



Imaxe do comezo da entrevista a Carmela Tomé Valiente. A convidada observa o contido do guión.

Chámase Carmela Tomé Valiente. Vive en Mariz, a un par de quilómetros do casco urbano de Mondoñedo. Ela mesma restaurou a casa en que vive e ela mesma atende diariamente a horta de onde saen verduras e legumes de produción ecolóxica. Carmela Tomé, de orixe madrileña, é antropóloga e conta cunha dilatada experiencia como cooperante. Comentounos que estivo en Nicaragua, en Bolivia, no Brasil, en Haití e na República Dominicana ao servizo de Educación sen Fronteiras. Despois tamén nos falou dos Balcáns, onde tamén estivo facendo cooperación a través dunha ONG.
Como Simón, Maca e Serxio preguntaban moi finamente, Carmela tivo que facer esforzo para responder a todo. Entón fixemos un breve descanso para escoitar unha peza de temática moi mindoniense: "Os Moinhos", de Madredeus. Despois conversamos sobre a integración cultural e coñecemos como se fixo neofalante e como mellorou os coñecementos da lingua galega a través un curso leccionado pola profesora Áurea Díaz Ramil.
Durante a conversa, non esquecemos falar do albergue que ela disponibiliza para persoas que fan o Camiño Norte. Soubemos de onde chega a xente e coñecemos algunhas historias moi suxerentes.

Unha vez escoitada a terceira peza musical, entramos en conversa con Santiago Fernández Lanza, un dos integrantes de Sondenós. Confirmamos que é neofalante e que chegou a Viveiro procedente de Luarca, onde naceu. A través das súas palabras coñecemos como lle foi ao grupo vocal nas actuacións que fixeron recentemente na igrexa de San Domingos de Bonaval e na Casa de Rosalía de Castro.

Na parte final do programa, a profesora Karina Parga fíxonos unha breve crónica da recente viaxe dunha expedición do PErdouro ao Porto, Coimbra, Lisboa, Cascais e Nazaré.

Neste programa tivemos de novo a colaboración técnica de Jorge Monteiro Fidalgo

19/06/14

Proxecto Neo nº 98.3 - Xosé Manuel Pereiro + Paula Regueira + Luís Ansedes

ESCOITA AQUI O PROGRAMA
Maca Ledo, Simón R. Rouco e Serxio Rivas coa revista Luzes na mesa de redacción


O 98 foi o programa dedicado á revista Luzes. Primeiro falamos con Xosé Manuel Pereiro e despois con Paula Regueira Leal.
Do Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, dixo Helena:

"Del sabemos: 1) que naceu en Monforte de Lemos; 2) que ten orixes no Incio; 3) que está Licenciado en Periodismo pola Complutense; 4) que traballou para boa parte dos xornais galegos, en diferentes emisoras de radio e que foi guionista e director de programas de TVG e TVE.
Tamén sabemos que a maior parte da traxectoria profesional de Xosé Manuel Pereiro desenvolveuse en TVE e El País; e que simultaneamente impulsou a edición das revistas Loia, La Naval e Bravú."

En calquera caso, a presentadora destacou o seu labor como codirector da Revista Luzes e non esqueceu a súa faceta de músico en Radiocéano.

Xa en plena entrevista, alén de responder ás preguntas de Maka Ledo, Xosé Manuel Pereiro encontrouse coa reflexión de Simón ("chamoume moito a atención que Luzes teña unha dirección compartida. Son vostede e Manuel Rivas como Risco e Castelao en Nós...?) e coa non menos interesante intriga de Helena ("como conseguiron rodearse de grandes nomes do xornalismo galego como Belén Regueira ou María Yáñez, xente moi nova e con moita experiencia?").

Helena e Simón mostran a súa alegría polo resultado da entrevista conducida por Maka Ledo.
A conversa con Xosé Manuel Pereiro tivo moitos contidos e moi ben dosificados.

Cun canto maorí ao fondo, pasamos a comentar unha reportaxe sobre os mariñeiros indonesios realizada pola xornalista Paula Regueira Leal. Simón R. Rouco púxolle voz á cabeceira do texto e o resultado foi realmente moi atractivo:

"Hai once anos cheguei a Vigo desde o norte da illa indonesia de Xava canda outros seis compatriotas. Nunca fora mariñeiro. A miña familia e mais eu traballabamos a terra preto de Tegal, unha cidade non lonxe de Iacarta, a capital do meu país, onde a política corrupta esvaecera as nosas esperanzas de progresar". (cita textual do encabezamento da reportaxe publicada no número seis da revista Luzes)

O equipo de Proxecto Neo visualiza a reportaxe de Paula Regueira xusto antes de lle facer a entrevista

Nos minutos finais do programa recibimos a visita de Luís Ansedes, de Mondoñedo, que nos presentou os contidos das Xornadas "Abrindo Camiño".


17/06/14

SONdeNós


Domingo, 22 de xuño. Celebramos unha nova meta. Tomamos folgos para as seguintes etapas do camiño. Facémolo ás 19:30 horas na Vila do Medio, arroupados pola grandeza do patrimonio histórico.
Estaremos acompañados por SONdeNós: o grupo vocal dirixido por Plácido Travieso. Será un novo punto de encontro no Camiño da Lingua. Será un novo concerto Modelo Burela, como os que xa celebramos hai un ano e como os que nos ofreceron recentemente en Santiago de Compostela e Padrón, dos que reproducimos estas imaxes.


O escritor Séchu Sende conduce o acto celebrado en San Domingos de Bonaval

Vista desde o altar co grupo vocal en primeiro plano

A profesora Nicola Berminghan presenciou o concerto Modelo Burela

O escritor Manuel Iglesias Turnes acompañado polo profesor e ensaísta Antón Niñe
Primeiro plano do Panteón de Rosalía de Castro en imaxe captada por Antón Niñe


11/06/14

Proxecto Neo nº 97.3 - Ramón Villares, Nicola Berminghan



Recta final, porque nos aproximamos das cen semanas emitindo Proxecto Neo e porque estamos a punto de finalizar a terceira etapa. No número 97 falamos co profesor Ramón Villares e coa Dra. Nicola Berminghan; e escoitamos música de Deolinda, Silvio Rodríguez e Alonso Caxade.
Feita a presentación dos contidos, escoitamos o "Seja agora", unha das músicas incluídas no disco Mundo Pequenino de Deolinda, a banda de música popular portuguesa que anda nos palcos desde 2006. A seguir, Karina Parga conversou coa profesora Nicola Berminghan para coñecer o desenvolvemento das investigacións que esta realizou en Burela durante os meses de maio e xuño. Aproveitando que a convidada manifestou a súa disposición a permanecer no estudio durante todo o programa, decidimos facer un inciso e retomar a conversa máis tarde. Desa maneira demos paso á segunda das entrevistas.
A célebre "Gota de rocío" de Silvio Rodríguez introduciunos no ambiente cubano, ambiente que aproveitamos para iniciar a conversa con D. Ramón Villares, que nos presentou as Xornadas "Ese lugar de donde me llaman" dedicadas ao escritor de orixe galega Lino Novás Calvo (As Grañas do Sor, 1903). Alén de nos falar das facetas de emigrante, escritor e tradutor do escritor homenaxeado, o Presidente do Consello da Cultura Galega tamén nos describiu o funcionamento da institución por el representada e saudou a través das ondas a Nicola Berminghan.
Nos minutos finais, recuperamos a conversa coa nosa profesora convidada. Fixémolo baixo a condución de Maca Ledo que soubo relacionar a investigación con aspectos máis lúdicos. Nada máis soar o primeiro dos temas de Alonso Caxade, Maca preguntoulle a Nícola pola súa impresión sobre as festas locais. A investigadora irlandesa respondeu con fluidez demostrando magnífica capacidade de observación e nós acabamos coñecendo as súas impresións sobre as alfombras florais, a procesión marítima e as verbenas nocturnas.

04/06/14

Proxecto Neo nº 96.3 - Pere Tobaruela, Anik Nandi, Helena Valle


O número 96 foi outro programa viaxeiro. Comezamos conversando co escritor galego-catalán Pere Tobaruela,  o autor de Con ollos de neno (Biblos; 2007) e Sempre perden os mesmos (2013). A nosa Helena entrevistou o barcelonés que escribe en catalán, castelán e galego a ritmo vertixinoso, pois leva publicado medio cento de títulos nos últimos quince anos. Foi así como coñecemos o proceso que o levou a facerse neofalante.
Despois de escoitarmos a música de Status Quo, entramos en conversa con Anik Nandi, o investigador bengalí, que nos atendeu desde Esteiro (en Muros). Karina Parga conduciu unha nova entrevista centrada na transmisión interxeneracional do idioma. Diso falou co doutorando, que está en proceso de estudo das actitudes dos pais e nais de nenos e nenas de entre 1 e 6 anos.
Helena Valle, a nova voz da Mariña (para o mundo), protagonizou a última parte. Primeiro escoitámola cantando e despois abordamos a súa participación no certame musical das recentes festas de Burela (certame que gañou).