Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

30/04/14

Proxecto Neo nº 91 - Raúl Río + Tofik


Lucía Rivas sacando unha foto de grupo:  Viviane Furtado; Bernardo Penabade e Diego Larrosa. 

Outra semana de actividades Modelo Burela. Na localidade da Mariña recibimos a visita dunha expedición do centro de referencia nas boas prácticas en materia de innovación educativa: o Instituto Félix Muriel de Rianxo. Só un día máis tarde, outra expedición de mozos e mozas -neste caso de Burela- tomou rumo a Londres na procura de fluidez no uso da lingua inglesa.
Sen Maca Ledo, Serxio Rivas, Helena Valle e Simón R. Rouco, o programa nº 91 fíxose nun estudio que daba a impresión de estar semivacío. Mais esa era unha impresión superficial, porque rapidamente tomaron forza as palabras de Diego Larrosa e Viviane Furtado. Coa súa axuda, presentamos o programa, ao tempo que escoitábamos unha peza musical de Oskorri. Interpretado por este mesmo grupo, escoitamos unha peza inspirada nun poema de Gabriel Aresti (o equivalente a Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María na literatura vasca).
Seguidamente, falamos con Raúl Río, o escultor dos Vilares-Guitiriz que impulsou o primeiro monumento de homenaxe ao escritor chairego Xosé María Díaz Castro, a quen dedicamos neste ano a celebración das Letras Galegas. Con este activista cultural, falamos dos estudos de Formación Profesional nos anos 60, das saídas laborais no País Vasco, de Literatura e de sentimento.
Ás seis menos cuarto, puxémonos en comunicación con Rianxo para escoitar a Tofik Santiago, alumno de 1º de ESO no Instituto Félix Muriel. Con el conversamos sobre a súa chegada a esta vila galega procedente de Etiopía e sobre o seu proceso de adaptación aos nosos costumes. Realmente, resultou unha entrevista sobresaliente: o convidado superou con creces as nosas espectactivas.
Despois de escoitar a Tofik, terán moi claro por que razón dicimos que o Instituto Félix Muriel é o noso centro de referencia en innovación educativa.

29/04/14

De Burela a Rianxo a través das ondas

DE  BURELA A RIANXO 
A TRAVÉS DAS ONDAS
PALABRAS DE BENVIDA PARA A EXPEDICIÓN DO IES FÉLIX MURIEL

Miruca Parga

Ás veces pode ser cuestionada a necesidade dos ENDL ou dunhas xornadas de convivencia lingüística coma estas porque pode haber quen pense que isto non é preciso. Nós sabemos que si o é. E aprendemos o camiño da normalización xuntos. Porque é importante contar con axuda durante o percorrido para non sentir soidade e recibir ánimo dos compañeiros.
Vendo a páxina veb do voso centro e o voso blogue atopamos unha imaxe preciosa: a da pomba da paz, mais da paz lingüística.
Nós aprendemos de vós, do voso traballo constante, diario, inesgotable. Porque nós tamén queremos coma vós a paz lingüística e isto significa, efectivamente, o respecto e a convivencia en igualdade. E de momento, igualdade non temos. Entón, traballamos para que se respecte a nosa lingua, para non deixala morrer, para alcanzar logros que, coma nós, vós tamén pedides:
Nós tamén queremos ler as noticias do mundo na prensa diaria en galego,
queremos ver filmes no cinema en galego,
queremos que nos atendan en galego,
queremos que non pensen que somos brutos por falar en galego
queremos aprender calquera materia en galego,
queremos, en fin, alcanzar a paz lingüística, a convivencia en igualdade para as linguas e, para iso, cada día procuramos dinamizar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos: un traballo moi necesario.
O ENDL do IES Perdouro dávos a benvida e agradécevos a vosa disposición para traballar polo galego nun mundo cada vez máis globalizado e dixitalizado dun xeito interactivo e colaborativo. Cremos que ese é o mellor xeito de asegurar o presente e o futuro da nosa lingua.
Moitas, moitas grazas por vir.

23/04/14

Proxecto Neo nº 90.3 Especial Día do Libro

Vista do estudio de Radio Burela durante a emisión deste programa. Na fotografía de Julia Labrador
vese a nosa reporteira oficial en pleno traballo. Á dereita, Serxio toma notas; Helena atende as redes sociais;
Safou está moi pendente do que di Karina.

Escoita aquí o programa 90.3 en Radio Burela.

Neste programa falouse do Maratón de Lectura organizado polo Colectivo Cultural Buril. Simón fíxonos unha crónica do desenvolvemento da actividade e máis tarde puidemos escoitar o son da emisión en directo das lecturas realizadas durante a mañá. Foi unha das primeiras ocasións en que Radio Burela recolleu ao vivo o desenvolvemento dun acto cultural.
Despois de escoitar un par de pezas musicais seleccionadas por Maca Ledo, falamos con Ledicia Costas, xurista e escritora viguesa. A autora de Unha estrela no vento -a obra á que dedicamos a lectura matutina- atendeunos en plena viaxe en tren, mais tivemos a fortuna de superar todos os obstáculos da conexión.
Na última parte do programa recibimos a visita da profesora Carme Cociña, que fixo a recomendación de diversas obras de lectura. Falounos de libros para familias con nenos e nenas de menos de 10 anos. Despois tamén comentou obras para o período comprendido entre os 10 e os 15 anos; e, por último, comentou diversos libros considerados para persoas adultas. Finalmente, a pregunta de Safou, compartiu con nós os títulos dos libros que máis a influenciaron a ela.

16/04/14

Proxecto Neo nº 89.3 - Dúo de poetas neofalantes: Begoña Díez Sanz e Rosa Méndez Fonte

Vista dunha parte da mesa do programa: Simón R. Rouco; Bernardo Penabade; Maca Ledo; Karina Parga; e Diego Larrosa. 
Programa de protagonismo feminino. Falamos con dúas mulleres neofalantes, ambas personalidades moi relevantes: unha que chegou de Valladolid e a outra que naceu e vive en Ferrol. Outra muller -profesora de Lingua e Literatura- tributou homenaxe á República coa lectura dun fragmento do Que me queres, Amor? de Manuel Rivas.
Helena Valle puxo voz ás palabras do xornalista Ramón Mariño publicadas no Praza Pública e con elas presentou a protagonista da primeira das entrevistas:

Begoña Díez Sanz naceu en Valladolid. Leva máis dunha década vivindo en Galicia e agora, logo dun proceso de auto-inmersión lingüística, é galego-falante. Mais non quedou a cousa aí senón que vén de publicar o que é o seu primeiro traballo poético. E fíxoo en galego. En Camarada: eu só quería facer algo bonito atopamos varias voces poéticas coa orixe na mesma autora, desde a sensual ata a máis reivindicativa, pasando pola íntima e persoal.

A mesma Helena co apoio de Simón R. Rouco tamén nos presentou a segunda contertulia, a profesora e poeta Rosa Méndez Fonte:

HELENA: Rosa Méndez Fonte (de Ferrol), é especialista en Patrimonio e Sociedade, e doutora pola Universidade da Coruña. Tras anos dedicada exclusivamente á investigación –por exemplo na Universidade Fernando Pessoa (do Porto)-, no momento actual compaxínaa coa docencia en Educación Secundaria. 

SIMÓN:Os traballos da profesora Rosa Méndez profundan no patrimonio (histórico, artístico, etnolóxico e da memoria) e a súa relación coa sociedade, do mesmo modo que presta tamén especial atención ao desenvolvemento da historia do patrimonio arquitectónico de Galicia.

 HELENA: Rosa Méndez Fonte é autora de varios libros, coordinadora doutros e posúe tamén numerosos artigos en revistas especializadas e publicacións colectivas. A súa obra A conservación dos monumentos arquitectónicos en Galicia (1840-1940) obtivo o “Premio da Real Academia de Doutores Concepción Arenal” convocado pola Universidade da Coruña e o Concello de Ferrol.

09/04/14

Proxecto Neo nº 88.3 - Xaquín Marín + Isaac Xubín


O programa nº 88 estivo centrado na creación literaria e das artes plásticas (tan relacionadas coas primeiras). Falamos de palabra e de imaxe. Obviamente condimentámolas con música. Como facemos sempre.
De entrada, puxemos a música de Luís Emilio Batallán e despois Simón R. Rouco púxolle voz á Penélope-Galiza de Díaz Castro. Con estes antecedentes, recibimos o artista gráfico Xaquín Marín. Con el falamos dos seus ascendentes familiares, da súa entrada no mundo laboral nos estaleiros da ría de Ferrol, do seu amor polo idioma galego, do relacionamento estreito que fixo en Madrid cos protagonistas da refundación do colectivo Brais Pinto e do Museo do Humor de Fene. Quen escoitase a entrevista daríase conta de que non foi por casualidade que o recibísemos coa música do "Monólogo do vello traballador" (e non precisamente por vello) na voz de Pucho Boedo.
Se o recibimento foi pausado, a despedida foi eléctrica. Con ese ritmo fixemos o tránsito entre conversas. Deixamos a Xaquín e recibimos a Isaac Xubín coa música de Liska. Escoitamos o tema intitulado "O Irmao", do disco Sonhos de raiva.
A entrevista co tradutor do Pasaia blues foi tamén de ritmo frenético. Moito contido en pouco tempo: nacemento na Corunha, estudos en Pontevedra e Vigo, docencia en Cork (con Martín Veiga), traducións de euskera para galego...
Non foi suficiente?
Non hai problema... a próxima semana teremos máis.

02/04/14

Proxecto Neo nº 87.3 - Daria Baakteva + Gabriela + José Díaz + Andrés, O Mago Galego do Acordeón



En ausencia de Karina Parga, Maca Ledo e Helena Valle, fixemos o programa conducidos ao unísono por Simón R. Rouco e Serxio Rivas, coa axuda de Daria Baakteva e Safou Housni. Con este cadro artístico, fixemos un programa dedicado ao Día Internacional da Literatura Infantil.
O primeiro convidado foi o escritor José Díaz, que nos presentou a súa obra Sesenta y nueve, publicada por Ediciones Cardeñoso.
Nos minutos finais, falamos con Andrés Penabad, o acordeonista galego nacido nas Pontes.