Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

29/01/14

Proxecto Neo nº 78.3 - David Blanco (Radio Miñoca) + Helena Valle

ESCOITA O PROGRAMA AQUÍ


O programa 78 estivo dedicado á Radio Miñoca, do CPI Castro Baxoi de Miño. En representación do equipo que fai o programa de radio educativa, atendeunos David Blanco, un mozo de 3º de ESO. Primeiro presentounos os seus compañeiros (Guillermo e Adrián) e compañeiras (Jennifer, Natalia, Raquel, Sheila e Rocío) da redacción e locución. Non se esqueceu de agradecer a coordinación da profesora Begoña Martín Acero e a colaboración técnica de Guti (o profesor de Música) e Anxo (o "director" xornalístico).
Unha vez presentado o grupo humano, David Blanco respondeu a un completo cuestionario, de maneira que acabamos coñecendo con pormenor o funcionamento. Falamos de planificación, de produción, de redacción e de locución. Sempre nun ton absolutamente espontáneo. 
Seguidamente coñecemos o noso entrevistado e a súa familia. Soubemos que naceu en Londres en 1998 e que naquela cidade se coñeceron a súa avoa e o seu avó maternos (ela galega de Cariño e el hindú). Recibimos a novidade con sorpresa e aproveitamos para facer unha sinxela semblanza do magnífico traballo no sector audiovisual de Puri Seixido (actual alcaldesa de Cariño).
NA segunda parte do programa, enviamos os parabéns para a avoa de Maca Ledo -A Sra. Loli estaba de cumpreanos-. Dedicámoslle dúas cancións: unha da Coral Polifónica de Burela (onde ela canta) e outra de Víctor Manuel. Mais, sobre todo, emocionámonos coas palabras que lle dedicou a súa neta.
Despois da música falamos do XXXV aniversario do Instituto Perdouro, do XX da Asociación Cultural OS Matos e... recibimos cos brazos abertos unha nova colaboradora, Helena Valle, que debutou como entrevistada e como locutora (púxolle voz ao currículo da artista viveiresa Gemma Pardo).
Así voou o tempo. Tanto voou que o noso técnico Jorge Monteiro Fidalgo exclamou: "Não pode ser. O tempo escapou". Xustamente, escapou acompañado de Milladoiro.

22/01/14

Proxecto Neo nº 77.3 - Aida Amado + Alejandro Roura + Ángel Vizoso + Aitor López



Aproximámonos aos oitenta programas. Un pasiño máis. Neste en concreto reencontrámonos con Aida Amado Fernández, futura experta en negociacións internacionais e persoa que leva dentro de si alma de artista. Esta moza retornou á casa nas pasadas vacacións e fíxoo desde a Alemaña, onde realiza un curso Erasmus na especialidade de Administración e Dirección de Empresas.
Proxecto Neo aproveitou a visita de Aida Amado para coñecer as súas impresións tanto sobre os estudos como sobre a experiencia do intercambio académico para o estudantado universitario. Tamén falamos sobre o proceso de facerse neofalante, porque a convidada foi ampliando o seu repertorio idiomático até conseguir fluidez noutros tres idiomas (francés, inglés e alemán) a maiores dos dous que comezou a aprender na infancia. 
Foi unha conversa cunha persoa tan brillante como humilde, que nos deu todas as facilidades para facermos a entrevista.
Despois de escoitar un éxito musical deste mesmo momento en todo o continente, pasamos a falar sobre o uso das novas tecnoloxías da comunicación aplicadas á divulgación da boa gastronomía. Conversamos por vía telefónica con Alejandro Roura, integrante do conxunto de estudantes que prepararon o espazo Come con Cunqueiro. Tamén nos atendeu Ángel Vizoso, que nos falou dun espectáculo en preparación e que confiamos en poder ver proximamente.
Nos minutos finais reproducimos uns fragmentos da presentación do Galiza de Kepa Junquera en Gasteiz. Escoitamos algo de música, acompañada dunhas palabras de Rocío Dourado e do propio artista. Foi un privilexio que lle debemos ao blogue Galego en Euskalherria, actualizado polo profesor Paulo Lema.
Como colofón, tivemos uns minutos en directo ao noso colaborador Aitor López, que prepara un novo programa para emitir desde Radio Burela.
Felizmente, a Factoría Perdouro funciona.

15/01/14

Proxecto Neo nº 76.3 Hugo Pardo Gadea + As Gabarras (IES de Breamo)

ESCOITA AQUÍ O PROGRAMA

Comezamos o programa cun poema de Longa Noite de Pedra facendo unha chamada a que "deixemos entrar a mañá clara nas nosas casas". Foi un alegato contra o desánimo producido pola traxedia que golpea a nosa comarca e o noso país nestes días. Foi a nosa homenaxe para todas as vítimas.
Despois escoitamos música e da música pasamos á conversa con Hugo Pardo Gadea, que nos atendía desde A Coruña. Falamos de Viveiro, de Santiago, de Londres, do mundo laboral e da escrita literaria. Centrámonos na súa obra narrativa intitulada Y entonces perdimos la inocencia. Foi unha fermosa experiencia a de entrevistar o entrevistador; a de ter do outro lado do fío telefónico un xornalista para o entrevistar.
Na parte final do programa escoitamos "Xa están aí", unha canción interpretada por Manolo Maseda (cando era o vocalista dos Diplomáticos de Monte Alto). A voz deste artista fixonos de ponte para chegar ao IES de Breamo e entrar no blogue As Gabarras. Alí enfiamos un enlace para escoitar un programa irmán de Radio Escolar, retransmitido polas ondas amigas de Radio Filispín para a comarca da Artabria.

08/01/14

Proxecto Neo nº 75.3 Najla Shami (A Grande Fada Madriña) + Bakari + Carlos Tresandí + Paco M. Moreno



***

Que así mo pediron
que así mo mandaron
ao pé das ondiñas
que veñen e van

***

Abrimos o programa nº 75 con música. Como a primeira peza que se escoitou o 4 de xaneiro de 2012 foi "Como un irmán che falo", de Celso Emilio (nas voces de Mini e Mero), agora queríamos encontrar outra peza simbólica, que sintetizase o obxectivo fundamental do programa: a promoción da interculturalidade.
Foi así como pensamos en Najla Shami e no seu disco "Na lingua que eu falo". Cos acordes da súa guitarra ao fondo, escoitamos a Najla cantar aquilo de "Lévame pola man cal n'outros días" e fomos nós os que nos deixamos levar. E camiñamos da súa man e guiados pola súa voz, nunha magnífica entrevista que mantivo con Karina Parga. En pouquiños minutos falamos de Taboada, de Burela, dos médicos palestianos na diáspora... e, obviamente, dos seus proxectos musicais. Como premio, moi merecidamente, nomeámola a Grande Fada Madriña da Interculturalidade, da mestizaxe cultural que nós tamén defendemos.
Despois escoitamos uns fragmentos da primeira entrega de "Como Galegos", o novo programa da TVG dedicado a cubrir idénticos obxectivos aos de Proxecto Neo. Primeiro puxemos as palabras de Lis Teuntor, a actriz galego-cubana que participou no elenco de Libro de Familia e a seguir escoitamos a sonoridade de Bakari, orixinario de Gambia e residente en Allariz.
Ese foi un entremés. Xustamente para facer boca para o segundo prato. Así entrou Bakari, a través da liña teléfonica. Como un torrente. Un torrente de vida. Aplaudimos espontaneamente, porque a súa intervención foi xenial. Dedicámoslle a "Milonga de Aquí", de Ses, outra desas pezas musicais únicas que se escoitan en Proxecto Neo.
Neste programa dedicado a "Como Galegos" conversamos tamén co Carteiro-Condutor do programa, Carlos Tresandí, que nos atendeu amabelmente para facer a presentación dunha primeira serie de 13 entregas. Aitor López convidouno a visitar a Mariña e o actor-radiofonista tomoulle a palabra e prometeunos visita.
A música de Tejedor e os txalapartaris vascos no tema "Gaitas do Inferno" serviu de ponte para que puidésemos conversar con Paco M. Moreno, fillo de andaluces, nacido en Euskadi e criado en Avilés. Con este enxeñeiro, profesor de Tecnoloxía no IES do Camiño en Palas de Rei, falamos da súa integración na nosa cultura.
A parte negativa... que o tempo corre como os lóstregos. Entón non puidemos escoitar enteira a última das cancións, a interpretada pola Grande Fada coa axuda de Davide Salvado, outro dos artistas que prestou colaboración con Proxecto Neo.