Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

26/04/13

SEMANA DE ACTIVIDADES MODELO BURELA

A diversos coloquios co escritor madrileño Matías Escalera únese o concerto do grupo vocal “Son de Nós”
O mes de maio comeza con intensa actividade na axenda do Modelo Burela. O escritor madrileño Matías Escalera participará en diversos eventos de divulgación da lectura e o grupo vocal “Son de Nós” oferecerá na Igrexa da Vila do Medio o concerto “Os Camiños da Lingua”.
As actividades comezarán o próximo día 2 de maio, coa participación de Matías Escalera nunha sesión extraordinaria do clube de lectura que se reúne na Biblioteca Municipal. O escritor comentará diversos aspectos da súa obra cun público que durante estes días estivo lendo unha de recente publicación, o volume de relatos titulado Historias de este mundo (Baile del Sol. Tenerife. 2011).
O mesmo escritor manterá encontros co alumnado de bacharelato dos institutos da localidade. Será ás 9:20 horas no IES Monte Castelo e no IES Perdouro ás 12:20.
O mesmo venres, ás 20:00 horas, o acto de animación á lectura celebrarase na Libraría Nobel (Espazo Lector), onde –ademais da do autor- se conta coa presenza de representantes do Proxecto de Innovación Lingüística e do Clube de Lectura así como da profesora Julia María Labrador Ben.

No Camiño da Lingua (Concerto Modelo Burela )

 O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela converterase nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofrecerá, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntase en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

24/04/13

Proxecto Neo nº 53.2 - EDU (Porteiro do Burela F.S. e da Selección Galega)


Comezamos o programa 53.2 coa lembranza da Revolución dos Cravos, na véspera do día 25 de abril de 2013. Fixemos mención da substitución das armas polas flores. Aproveitamos para recomendar a lectura dunha obra narrativa: o Resistencia, de Rosa Aneiros. Despois puxémoslle música: a Rosalinda, de Fausto Bordalo Dias.
Con ese canto a un desenvolvemento sustentábel, entregamos os mandos a Simón R. Rouco e Serxio Rivas Valiña. Eles presentáronnos o convidado e conduciron magnificamente ben a entrevista. Por eles soubemos que Edu é Eduardo Saavedra Cebreiro, que naceu en Narón e que xoga profesionalmente ao Fútbol-Sala desde os 17 anos.
Con Edu falamos de educación, de aprendizaxes lingüísticas e, naturalmente, de deporte federado. O porteiro da selección galega lembrou con nós as súas experiencias no Parrulo de Ferrol, no Caloto da Póboa de San Xulián, no Celta de Vigo, no Granada... e no Burela F.S.

Aquí está o enlace para escoitar o programa.

17/04/13

Proxecto Neo nº 52.2 - Conchi Díaz Candán, Andrés Sáinz Eváns, Hixinio Puentes Novo

Con estas palabras presentou Bernardo Penabade a Conchi Díaz Candán, unha das protagonistas do programa nº 52.2: "A nosa convidada naceu en 1982 nun lugar ideal para sibaritas, xusto alí onde estaban as Caldas dos Reis, o lugar escollido polos Reis para relaxarse. De nena, cursou  EXB; e despois, xa adolescente,  o BUP onde tiña que ser: nos centros públicos da vila (o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis)". 

Pola súa parte, Gabi Bermúdez dixo: [Conchi] Agora é licenciada en dúas carreiras -Filoloxía Galega e en Filoloxía Románica- pola Universidade de Santiago de Compostela. E aínda continúa con libros e exames: está facendo o Mestrado de literaturas hispánicas impartido a distancia pola UNED". 

Con Conchi falamos uns 20 minutos a ritmo frenético. En pouco tempo, conseguimos un magnífico documento útil para calquera sesión de sociolingüística. Entre música e música, tamén conversamos co noso técnico. Andrés Sáinz Eváns foi felicitado porque finalizou os estudos do ciclo medio de Electrónica. En pouco máis de cinco minutos, comentounos as súas impresións sobre o periodo de Formación en Centros de Traballo (FCT). 

 Na segunda metade do programa, retrasados en relación ao horario previsto, puxémonos en comunicación con Hixinio P. Novo. Despois de o saudar con música de Serrat para o poema "Puedo escribir los versos más tristes esta noche", conversamos sobre Neruda e o Winnipeg, sobre a investigación para clarificar se morreu por morte natural ou asasinado; e, en xeral, de todas as obras que aparecen referenciadas no seu blogue.

 As entrevistas completas están aquí.

10/04/13

Proxecto Neo nº 51.2 - Dani Ladra, Adrián Yáñez, Edu, Gonzalo Soto

Este é o programa en que lle damos a benvida a Dani Ladra, o director técnico do Baku United da liga inglesa de Futsal. A expedición británica está na Mariña para facer unha fase de preparación e aproveita para xogar varios partidos contra equipos de Viveiro e Burela. Ademais de con Dani, tamén falamos con Adrián Yáñez, futbolista de Viveiro; e con Edu, outro futbolista do equipo londinense, nacido en São Tomé e con nacionalidade portuguesa.
Pasado o ecuador do programa, falamos con Gonzalo Soto, un xornalista de referencia no ámbito da comunicación deportiva galega. Foi unha maneira de tributar homenaxe tanto a Gonzalo como ao programa Galicia en Goles, que case cumpre trinta anos de vida.

O contido do programa está aquí

03/04/13

Proxecto Neo nº 50.2 - Julio Peinó, Xoán Sampaíño, Viviane Furtado


Chegamos ao medio centenar de programas. Celebrámolo cun programa de contidos cinematográficos. Tributámoslle a nosa modesta homenaxe a Julio Peinó, arquitecto na Coruña. O aplauso non estivo motivado neste caso polo sector da construción. Foi pola súa sensibilidade artística: Julio Peinó foi o gañador da presente edición do certame Cineforiano Shortfilm Festival.
Para aprofundar no mesmo tema, conversamos tamén con Xoán Sampaíño, un dos impulsores do certame e director de curtametraxes. Este neofalante orixinario de Ribadesella fíxonos partícipes das rodaxes de diversos traballos, entre eles o Barbillizos.
Pasado o ecuador do programa, recibimos a visita de Viviane Furtado. Ela foi a moza que aproveitou por vez primeira os micros de Radio Burela para saudar a audiencia do seu país, na súa lingua primeira: o creoulo caboverdiano.
A cereixiña final púxoa Matías Nicieza falando sobre Evinha e pedindo o voto para a súa actuación nos Recantos da TVG.

O audio do programa está neste clique

Polo mesmo prezo, convidámolos a visualizar o funcionamento dunha fábrica de soños