Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

16/10/13

Proxecto Neo nº 65.3 Homenaxe á comunidade vallisoletana na Mariña


No programa 65.3 fixemos homenaxe á comunidade vallisoletana que leva asentada na Mariña uns trinta anos. Foi un recoñecemento explícito ao seu esforzo de integración, que se manifestou na implicación de moitos dos seus integrantes na vida asociativa da comarca.
Unha desas persoas son Jesús San José e Ana Díez, que chegaron a Burela e en menos dun mes xa estaban colaborando en iniciativas sociais tan emblemáticas como a Feira do Bonito. Despois colaboraron no clube de remo, no baile tradicional, no Entroido, na organización das festas patronais... En fín: na vida cultural. 
Con Ana e Jesús viña unha neniña de 5 meses, Sandra, que sempre se considerou como nacida nesta terra nosa, porque aquí xogou no Parque Rosalía de Castro, porque foi á Escola -así, con maiúscula- Infantil Guiñol "na furgoneta vermella" de Loli e Teresa; e porque aprendeu a querer a Areoura e o Cantiño, o Portelo, O Cabaliño e a Marosa. Á beira do Cantábrico naceu a súa irmá, Raquel, e ambas foron crecendo.
Agora Sandra vive en Medina del Campo e traballa nunha orquestra por toda a Comunidade de Castela e León.
Con ela falamos das súas vivencias da Mariña, da súa familia que está por aquí e da que ten en Medina e en Cigales. Obviamente, deixamos tempo para conversar sobre a música e mostramos o común propósito de que veña actuar a esta que é tamén é a súa terra. Facemos votos para que así sexa.
A intervención de Jesús San José, seu pai, é xa outra historia. Non é fácil de describir. Por iso recomendamos poñerse á escoita e prestar atención xusto no ecuador do programa. 

Sem comentários:

Enviar um comentário