Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

30/10/13

Proxecto Neo nº 67.3 - Conceição da Silva e Ismael Igrejas


ENLACE AO PROGRAMA

Unha noite máis...// miro o ceo e aí están// seis estrelas abrazan o mar...// foi entón cando vin pasar// unha estrela fugaz

Así comezamos. Cunha canción da banda Amaterasu feita sobre letra e música dun mozo da Mariña: Ismael Igrejas da Silva. Primeiro recitamos os versos das Seis Estrelas, despois escoitamos os acordes e aproveitamos para presentar a primeira convidada: Conceição da Silva (a "mamá" de Ismael).
A Sra. da Silva naceu en 1961 na localidade de Mangualde (Viseu) e en 1984 marchou de Portugal para Suíza e estableceuse en Zurich. Naquela cidade coñeceu o seu futuro marido -galego da Mariña- con quen casaría en 1986. Pouco despois de naceren os fillos, São e eles retornaron a Burela. Dous anos máis tarde viría tamén o pai; a familia reagrupouse.
Con ela falamos das orixes en Viseu, da emigración a Zurich, do traballo nun restaurante e nunha escola infantil. Tamén falamos da maternidade e dos factores que a animaron a asentarse na Mariña.
Despois de escoitar a música de Metállica, entramos en conversa con Isma, que pasou máis da metade do programa moi caladiño. A primeira pregunta foi realmente complexa ("Sénteste suízo, portugués, galego... galego-português?"), mais a resposta foi rápida. Despois repasamos o repertorio de grupos musicais en que tocou ou toca. Falamos de Árvore, Torques, Amaterasu... e da Orquestra Lecer. Na parte final do programa preguntámoslle pola próxima edición do Aversion Fest e tamén polas actividades organizadas no Centro Social Xebra, unha das entidades en que participa activamente.


23/10/13

Proxecto Neo nº 66.3 - Eider Palmou Orue-Etxebarria e Manuel Sendón


LIGAZÓN AO PROGRAMA Nº 66.3

Comezamos o programa 66.3 coa música da cantora vasca Anari e escoitamos a historia dunha persoa que perdeu o corazón e que pasou a deambular polas rúas. Esa persoa sente saudade, influenciada polo tempo climatolóxico: "Hoxe volveu a chover, había tempo que non o facía. Vexo todo como un sinistro vals". Mais aínda ten unha lixeira esperanza e por iso implora: "Déixame volverme a perder entre os teus lenzos, só alí podo encontrar o que alí perdín".
Así entramos en conversa con Eider Palmou Oru-Etxebarria. Natural de Derio, unha vila moi próxima a Bilbao, a nosa convidada é licenciada en Educación Social e Educación Infantil e leva máis de 10 anos exercendo a docencia: primeiro na ikastola Altzaga (en Erandio) e despois na ikastola Urretxindorra (en Bilbao). Con ela falamos do seu traballo e tamén do seu proceso de aprendizaxe da lingua galega nos cursos do profesor Paulo O'Lema na universidade de Deusto.
Despois da música de Benito Lertxundi sobre o outono, viaxamos a Pontevedra para conversar co profesor Manuel Sendón (da Faculdade de Belas Artes). Con el retornamos ao seu período de formación académica na Faculdade de Matemáticas (1968-1973), da docencia en Viveiro, da Asociación Cultural Sementeira e da oposición á construción dunha central nuclear en Xove. 
Tras unha nova pausa musical, continuamos co profesor Sendón para falar sobre o Centro de Estudos Fotográficos e sobre o Proxecto Inédito. Coa voz de Lluís Llach ao fondo, finalizamos viaxando á Ítaca dos Mil Ríos. Foi unha fermosa navegación contra a corrente.

16/10/13

Proxecto Neo nº 65.3 Homenaxe á comunidade vallisoletana na Mariña


No programa 65.3 fixemos homenaxe á comunidade vallisoletana que leva asentada na Mariña uns trinta anos. Foi un recoñecemento explícito ao seu esforzo de integración, que se manifestou na implicación de moitos dos seus integrantes na vida asociativa da comarca.
Unha desas persoas son Jesús San José e Ana Díez, que chegaron a Burela e en menos dun mes xa estaban colaborando en iniciativas sociais tan emblemáticas como a Feira do Bonito. Despois colaboraron no clube de remo, no baile tradicional, no Entroido, na organización das festas patronais... En fín: na vida cultural. 
Con Ana e Jesús viña unha neniña de 5 meses, Sandra, que sempre se considerou como nacida nesta terra nosa, porque aquí xogou no Parque Rosalía de Castro, porque foi á Escola -así, con maiúscula- Infantil Guiñol "na furgoneta vermella" de Loli e Teresa; e porque aprendeu a querer a Areoura e o Cantiño, o Portelo, O Cabaliño e a Marosa. Á beira do Cantábrico naceu a súa irmá, Raquel, e ambas foron crecendo.
Agora Sandra vive en Medina del Campo e traballa nunha orquestra por toda a Comunidade de Castela e León.
Con ela falamos das súas vivencias da Mariña, da súa familia que está por aquí e da que ten en Medina e en Cigales. Obviamente, deixamos tempo para conversar sobre a música e mostramos o común propósito de que veña actuar a esta que é tamén é a súa terra. Facemos votos para que así sexa.
A intervención de Jesús San José, seu pai, é xa outra historia. Non é fácil de describir. Por iso recomendamos poñerse á escoita e prestar atención xusto no ecuador do programa. 

09/10/13

Proxecto Neo nº 64.3 - Davide Salvado + Rocío Dourado

Outro programa con motivación proselitista. Neste caso destinado a aprender a querer a música. Comezamos falando dos estudos desta área entre a poboación adolescente e soubemos que lle dedican unhas dez horas semanais.
Despois presentamos o artista, Davide Salvado, a quen dedicamos a maior parte do programa. Simón e Sergio puxéronlle as voces a unha magnífica reportaxe que publicou a xornalista Teresa Cuíñas na edición galega de El País. A profesora Montse Freire fíxonos unha aproximación aínda máis vivencial, porque o coñece desde a infancia.
A peza musical "Marín por ti" serviu de alfombra vermella para a entrada do cantor, que nos recibiu desde Lugo, onde actuaba unhas horas máis tarde dentro do programa festivo do San Froilán.
Pasado o ecuador do programa, viaxamos a Euskadi para falar con Rocío Dourado. Esta profesora de Lingua, Literatura Galegas na Universidade do País Vasco, falounos de toponimia -moi especialmente da da súa parroquia de orixe, Santalla da Devesa- e despois presentounos as súas actividades didácticas nunha comunidade que vive estreitamente ligada á nosa.



ENLACES:

http://galegoeneuskalherria.wordpress.com/author/galegoeneuskalherria/

http://redenasa.tv/es/post/davide-salvado-no-eido-dourado/

02/10/13

Proxecto Neo nº 63.3 - Ledicia Costas & Kiko da Silva




Na primeira parte do programa 63.3 fixemos animación á lectura. Por iniciativa de Aitor López, estivo connosco en directo Estela Fernández Cabana. Esta moza de 1º de Bacharelato explicounos o sistema de recomendación de obras literarias no curso pasado e comentounos a magnífica impresión que lle causaron Aire Negro (de Agustín Fernández Paz) e O Corazón de Xúpiter (de Ledicia Costas).
Despois da entrada musical, falamos precisamente con Ledicia Costas (Vigo; 1979), autora de Unha estrela no vento (2000), o Corazón de Xúpiter e Xardín de inverno (2012). Con ela coñecemos a rutina diaria dunha avogada especializada en Dereito Económico. Mais tamén falamos da creación literaria... e do proceso de incorporación á nación neofalante.

Pasado xa o ecuador do programa, entramos en contacto con Francisco Xavier da Silva Irago (Vigo; 1979) presentado ao estilo Modelo Burela por Estela (en inglés) e por Sergio Rivas (en galego).  

Kiko da Silva atendeunos directamente desde o Garaxe Hermético de Pontevedra.