Nace Proxecto Neo

Proxecto Neo é o resultado da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro.
Estamos en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo en
Radio Burela
O programa Proxecto Neo ten como protagonistas os neofalantes, as fillas e os fillos adoptivos da nosa terra, especialmente de Burela.

22/08/13

HOSTAL DA PEDRA

Colaboración de MIRIAM MARTÍNEZ PÉREZ (Murcia)

Martes, cinco e media da tarde: por primera vez poño os meus pés en Burela. Con moito cansazo, comezo a procura do mesón “A Pedra”, onde decidín hospedarme grazas ás excelentes críticas que puiden ler en Internet sobre el. 

Cun pouco de medo de perderme (menos mal que Burela non é moi grande), consigo chegar ao mesón despois das indicacións dunha señora velliña adorable. A seguir, entro no bar e atópome cunha persoa moi amable que me dá as chaves do cuarto. Só existe un inconveniente: non hai elevador e o dormitorio está no cuarto andar.

Como subo entón a maleta? Non hai problema, a señora Cándida (así se chama este portento de muller de 70 anos) cóllea e, sen axuda ningunha, sóbea ela só, como se nada!

Agradézolle o esforzo (eu ainda en estado de shock) e, tras descansar un bocadiño, baixo de novo ao bar. Desta vez non está Cándida, está Inma -a súa filla- coa que comezo a falar dun xeito tan familiar que entusiasma.

 Mais iso non é todo. Polo Mesón da Pedra tamén andan Laura e Nuria (fillas de Inma). A primeira é unha futura xornalista que vai dar moito que falar e a segunda, Nuria, é todo carisma, a pesar da sua curta idade. 

En definitiva: oxalá chegue aos setenta como Cándida; e moitas grazas a estas tres xeracións de galegas que me fixeron pasar uns días como na miña propia casa.

21/08/13

KEVIN, QUÉROTE



A fotografía desta fermosa declaración de amor, escrita a cores sobre unha desgastada parede, abre de xeito moi orixinal un blog de contidos culturais que está aberto á consulta pública desde estes días e que recolle un documentado estudo sobre o uso da lingua galega no termo municipal de Foz.

O autor do completo estudo e do deseño do soporte dixital que o disponibiliza en aberto para o público xeral é o filólogo Miguel Arce Méndez, licenciado pola Universidade de Santiago e persoa cun dilatado currículo académico no que destaca un período docente na Universidade Nova de Lisboa.  Miguel Arce chegou a Foz en xuño de 2012 e superou as probas selectivas para a provisión dunha praza laboral no Servizo Municipal de Normalización Lingüística, mais antes de finalizar o seu contrato laboral na Mariña conseguiu destino como docente de Lingua e Literatura na comarca berciana. Agora con esta entrega editorial complementa o labor realizado na etapa anterior.

O espazo disponible na rede leva por título Foz Lingua Viva e está na dirección www.fozlinguaviva.wordpress.com. Nel podemos visualizar contidos sobre o cronista Suso Fernández e os historiadores Juan Ramón Fernández Pacios e Xesús Basanta Martínez; sobre o teatro de Manuel Lugilde Penelas e o Cadro de Declamación Focense (1927-1930), sen esquecer as contribucións a este xénero de Francisco Piñeiro González, en calidade de director dos grupos de afeccionados O Batán (de Cangas) e A Adala (de Fazouro).

Complementan os contidos as referencias aos escritores nacidos ou vinculados con Foz (Vilar Ponte, Francisco Lourido, Noriega Varela, Manuel María, Ramón Reimunde, Luísa Castro, Paco Rivas, Laura Branco...) así como a panorámica do uso da lingua galega nas empresas e comercios locais, nas publicacións periódicas e nas entidades deportivas, entre outros.

02/08/13

TER O PAÍS NO PEITO (MODELO BURELA)




Este é un deseño Modelo Burela. Unha mostra da creatividade e do compromiso que hai na Mariña. Aínda que con programas informáticos ben poderían ser retocados os anaquiños correspondentes ao galego exterior -moi especialmente as áreas berciana e seabresa-, o resultado final está ben bonito.
A palabra vieira deriva de Venus, a deusa do amor, e a súa cuncha foi moi divulgada por Lineo que a bautizou como Pectem jacobaeus en referencia ao símbolo das peregrinacións a Compostela. As persoas que fan o Camiño de Santiago gárdanas como recordo desa experiencia.