Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

19/06/13

Proxecto Neo nº 60.2 - Dani Ladra & Marisol Manfurada & Belén Regueira & Josefina O. Barcia

Para escoitar o programa, clique aquí.

Inmediatamente despois da entrada e do saúdo na voz de Aitor López, recibimos no estudio a visita de Dani Ladra. Para el foron os primeiros aplausos da tarde. Ben merecidos: polo título da liga e por toda a enerxía positiva que nos trouxo.
A modo de intervalo, deixámonos levar polo ritmo das ondas. Estivemos abalados polo "Venhem e vam" de Marisol Manfurada. Esta rapeira da Coruña -profesionalmente dedicada ao ensino da lingua inglesa- falounos da Feira da Cultura (o Cultur.gal) e da súa visión das necesarias relacións entre as actividades culturais e o rendemento económico. Defendeu o exercicio das artes como unha profesión que debe estar recompensada como o están as outras. Marisol foi comentando en anaquiños un texto seu, que foi posto na boca de Viviane Furtado e Laura Semedo Brito. Ela falaba de mediación e de interculturalidade... e nós puxémoslle o toque humanístico ao seu discurso. Noutras palabras: lévamolo á realidade. Todo cadrou moi ben, moi axustado.
Despedimos a entrevista con Marisol coa música de Mercedes Peón, a mesma que utilizamos para recibir cos brazos abertos outra coruñesa: a xornalista Belén Regueira, neofalante. Aitor quería intervir, mais non podía. Simón tiña a man levantada, mais Belén fluía. Non era río-Belén; era Oceano-Regueira. Impresionante! A Irmandade dos neofalantes urbanos está en marcha. Esa Irmandade é o "Máis alá" co que soñaba Manuel Antonio.
Foi unha conversa mínima. Curtiña. Como un aperitivo... antes da sobremesa. Porque na sobremesa chegou a conversa coa profesora que se ocupa do Servizo de Alfabetización das Persoas Inmigrantes. Josefina O. Barcia falounos dos seus seis anos de experiencia traballando con nenos e adultos procedentes de medio mundo. Foi a visita á cimentación da normalización en Burela.

2 comentários:

  1. ABRIMOS O DEBATE

    AS ideas básicas están no texto de Marisol Rodríguez Manfurada. Esperamos os vosos comentarios sobre todos ou cada un destes puntos.
    Moitas grazas pola participación.

    1.-Que pensas das relacións industria-negocio e cultura?
    2.- Pode a cultura chegar a ser industria sen deixar de ser cultura?
    3.- Asistiche a algunha edición do Cultur.gal? En caso afirmativo: cóntanos as túas impresións.
    4.- Coincides con Xurxo Souto e Marisol Manfurada en que temos unha boa oferta e que non cultivamos a demanda?
    5.- A comunidade galego-falante está fragmentada entre unha minoría elitista e unha maioría que busca espectáculos facilóns? Non hai vasos comunicantes?
    6.- A clase media castelán-falante... é realmente tan superficial que sacia a súa demanda de galeguidade co "pulpo" á feira?
    7.- Hai que atraer a atención do público que se move na fronteira entre o galego e o castelán?
    8.- Pensas que na "fronteira ideolóxica está o futuro de Galiza"? Como di Marisol, teremos que ver como facerlle as beiras para crear unha duradeira industria cultural?

    ResponderEliminar
  2. A “Outra” : maridaxe industria e cultura

    A Feira da Cultura Galega cultur. gal ven de promover a conveniencia de entendermos a creación cultural como un xeito de crear riqueza. Na presentación que nos ofreceu o Grupo Chévere en clave de humor, o vello concepto de industria representado polo “compañeiro do metal” e a “remilgada” cultura teñen uns desencontros sonados, baseados nos seus respectivos prexuízos seculares e na desconfianza mutua. Ata aquí todo ben e recoñecido.

    Xa hai tempo que nos preguntamos a onde pode a cultura chegar como industria sen deixar de ser cultura. Pero agora tamén nos preguntamos se é posible pagar o recibo da luz sendo bailarín, por poñer un exemplo.

    Como ben reseñou a maestra de cerimonias, Belén Regueira, dirixíndose ó auditorio ó remate do acto (no que asistimos á reconciliación e voda de cultura e industria, consumado co intercambio de tarxetas de visita!) - “eles xa fixeron o propio, agora depende de vós, así que xa sabedes, a consumir”.

    E así é. Xa sabemos. Aquí están representadas as máis diversas e dignas expresións culturais. Dicía Xurxo Souto que en Galicia levantas unha pedra e sae un artista. Non lle falta razón. Somos un país de contadores, soñadores, vangardistas ... A nosa historia aí está para constatalo e o presente mostra que non hai pao que aquí non se toque.

    O problema en Galicia non é a oferta. Aínda que o minifundismo segue a predominar, dificultando coma sempre a rendibilización de esforzos e ideas. Aquí o problema é o de sempre: a demanda.

    A dualidade lingüística-cultural galega dificulta que as novas propostas poidan perdurar no tempo. A comunidade galego-falante está dividida entre Luar e Miraxes entre Os Tonechos e Extrarradio. As producións culturais alternativas en galego teñen un público moi concreto e reducido, entre o que podemos contar @s propios artistas e @s seus ghrupies, suma e para.

    Esa masa potencial de consumidores de niveis culturais intermedios interesados polos produtos dunha industria cultural, en Galicia pertencen mairoritariamente á clase media castelán-falante, comedora de pulpo á feira, que sente a súa galeguidade cuberta polos coleccionables que ofrecen os xornais. Como achegarse a eles?

    Sen demanda non hai industria que valla. E estamos en crise global! Os estudos de marketing o primeiriño que fan é ver quen son os clientes potenciais dun produto. Aqui temos que facer o mesmo. Analizar a nosa realidade dun xeito realista, e ver por onde podemos tirar.

    Como incrementar a necesidade interna de consumir produtos culturais feitos no país é o reto ó que nos enfrontamos. E aquí teremos que intentar convencer. Hai toda unha gama de xente na fronteira do galego-castelán á que temos que chegar. Con humor, con cercanía e comprensión, sen estridencias. Infiltrarnos no seu corazón e gañar os seus petos. Para a industria cultural e para o país.

    Na fronteira ideolóxica está o futuro de Galicia. Ela é a “outra” nesta maridaxe, así que teremos que ver como facerlle as beiras para crear unha duradeira industria cultural.

    ResponderEliminar