Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

17/04/13

Proxecto Neo nº 52.2 - Conchi Díaz Candán, Andrés Sáinz Eváns, Hixinio Puentes Novo

Con estas palabras presentou Bernardo Penabade a Conchi Díaz Candán, unha das protagonistas do programa nº 52.2: "A nosa convidada naceu en 1982 nun lugar ideal para sibaritas, xusto alí onde estaban as Caldas dos Reis, o lugar escollido polos Reis para relaxarse. De nena, cursou  EXB; e despois, xa adolescente,  o BUP onde tiña que ser: nos centros públicos da vila (o CPI Alfonso VII e o IES Aquis Celenis)". 

Pola súa parte, Gabi Bermúdez dixo: [Conchi] Agora é licenciada en dúas carreiras -Filoloxía Galega e en Filoloxía Románica- pola Universidade de Santiago de Compostela. E aínda continúa con libros e exames: está facendo o Mestrado de literaturas hispánicas impartido a distancia pola UNED". 

Con Conchi falamos uns 20 minutos a ritmo frenético. En pouco tempo, conseguimos un magnífico documento útil para calquera sesión de sociolingüística. Entre música e música, tamén conversamos co noso técnico. Andrés Sáinz Eváns foi felicitado porque finalizou os estudos do ciclo medio de Electrónica. En pouco máis de cinco minutos, comentounos as súas impresións sobre o periodo de Formación en Centros de Traballo (FCT). 

 Na segunda metade do programa, retrasados en relación ao horario previsto, puxémonos en comunicación con Hixinio P. Novo. Despois de o saudar con música de Serrat para o poema "Puedo escribir los versos más tristes esta noche", conversamos sobre Neruda e o Winnipeg, sobre a investigación para clarificar se morreu por morte natural ou asasinado; e, en xeral, de todas as obras que aparecen referenciadas no seu blogue.

 As entrevistas completas están aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário