Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

31/10/12

Proxecto Neo nº31.2 - Daria Bakteeva

Daria Bakteeva, alumna de 3º de ESO no IES Perdouro, estivo nos estudios de Radio Burela como convidada-estrela do Programa Proxecto Neo do día 31 de outubro de 2012.

Daria chegou a Galiza a través da ONG Ledicia Cativa, asociación que durante os meses de verán acolle nenos afectados pola radiación de Chernobyl. Despois de vir durante varios anos consecutivos, Daria decidiu asentarse en Burela para realizar os seus estudos aquí.
Na parte final do programa, falamos tamén con Chus e Suso, as persoas solidarias que fixeron posible esta acollida.

Aquí podedes escoitar este encontro.

24/10/12

Proxecto Neo nº30.2 - Vitorino Pérez Prieto

Mércores 24 de outubro, falamos con Vitorino Pérez Prieto. Doutor en Teoloxía pola Universdiade de Salamanca. Doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. Docente das Universidades da Coruña e Santiago. Director de cursos da Universidade Menéndez Pelayo. Exdirector de revista Irimia, e do conselo de Redacción de Encrucillada...

Podedes escoitar o audio do programa na seguinte ligazón: Proxecto Neo nº 30.2

17/10/12

Proxecto Neo nº29.2 - María Jesús Fuentes Silveira

Mércores 17 de outubro, María Jesús Fuentes Silveira, profesora de Bioloxía, conversa connosco sobre a súa infancia en Francia e o seu labor na docencia. Fálanos das súas experiencias nos proxectos educativos europeos e nas seccións bilingues.
Podedes escoitar a tertulia aquí. 

10/10/12

Proxecto Neo nº28.2 - Manuel Parga Núñez



Non perdades a tertulia aquí: Proxecto Neo nº 28.2

Mércores 10 de outubro, contamos cun convidado lugués polifacético, Manuel Parga Núñez, profesor de Xeografía e Historia no IES Monte Castelo, especialista en Pedagoxía Terapéutica e en Lingua Galega.
Nesta tarde, Manuel Parga falounos da nenez, da etapa educativa durante a transición en Lugo para rematar contándonos as súas experiencias como docente en Galiza e Cataluña. Soubemos que combinou os seus estudos coa competición atlética de alto rendemento e puidemos falar con Paco Villanueva, Presidente da Federación Galega de Triatlón, compañeiro de Manuel Parga. Na súa etapa de docente, exerceu como director do Colexio de Cervo nos cursos 89-92, 97-98 e 2002-2005, e impulsou varios proxectos educativos  de investigación e formación a nivel galego, estatal e europeo.


Personaxe polifacético como diciamos, Manuel Parga dedícase tamén á política: foi o primeiro Alcalde do Concello de Burela no ano 1995 e deputado no Parlamento Galego durante dúas lexislaturas: na primeira exerceu como portavoz de educación e na segunda de Ben-estar social.


03/10/12

Proxecto Neo nº27.2 - Begoña Rodríguez Muñiz

Nesta tarde do mércores 3 de outubro, iniciamos unha nova andadura de Proxecto Neo con protagonismo feminino.
Falamos con Begoña Rodríguez Muñiz, profesora de Imaxe Persoal do instituto Perdouro, da súa terra da Ulla. Tivemos a oportunidade de preguntar por Requinta da Laxeira con Iván García, un dos integrantes, e puidemos conversar sobre letras e lingua cun veciño moi particular, Xosé Neira Vilas.

Podedes escoitar esta tertulia moi intimista aquí : Proxecto Neo nº 27.2



01/10/12

2ª TEMPORADA DE PROXECTO NEO

Este mércores 3 de outubro volverá a emitirse nas ondas de Radio Burela no 107.7 Proxecto Neo, o programa que recolle a voz protagonista das persoas chegadas doutras comunidades, que decidiron asentarse aquí entre nós e que día a día poñen de manifesto unha integración exemplar. Modelo Burela.
Contaremos unha vez máis coa axuda dos Equipos de Normalización Lingüística dos Institutos Monte Castelo e Perdouro.
Estaremos en riguroso directo todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Esperámosvos.