Proxecto Neo: o programa radiofónico que dá voz á comunidade neofalante

Proxecto Neo, o programa de diálogo intercultural, está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Pode acompañarnos desde calquera lugar do mundo a través da radio á carta.

23/02/12

Proxecto Neo nº7 - Laura Baumgartner Lucero

Mércores 22 de febreiro, oitava entrega do programa de Proxecto Neo. A convidada é Laura Baumgartner Lucero, alumna do IES Monte Castelo entrevistada por Laura Rapa (alumna do bacharelato de artes do IES Monte Castelo).

Laura Rapa, estudante do segundo curso do Bacharelato de Artes no Instituto Monte Castelo de Burela, preséntanos e colabora na entrevista a Laura Baumgartner Lucero, filla de arxentinos e nacida no País Vasco.
Nun galego extraordinariamente fluído (agora sen as deliciosas "pinguiñas" do sotaque austral), esta moza neofalante preséntanos os seus ascendentes alemáns, italianos... e galegos. Por medio das súas palabras coñecemos as experiencias da aprendizaxe lingüística por inmersión en Inglaterra, Irlanda e a República Checa.

Ademais, neste especial, lembramos a Isaac Díaz Pardo.

Aquí podedes escoitar a tertulia.

Proxecto Neo nº 7- Convidada: Laura Baumgartner Lucero on PhotoPeach

16/02/12

Proxecto Neo nº6 - Antonina Semedo

ANTONINA SEMEDO -  CABO VERDE, SABI
É unha galega que chegou de Cabo Verde?, é unha caboverdiana que vive agora na nosa terra? ou é o resultado dunha simbiose afro-galega?

Alén das cuestións metafísicas, Antonina Semedo é unha muller traballadora. Antende nenos e velliños, coida a horta, ensaia coas Batuko, presenta espectáculos, canta, batuka... É Antonina de Cangas (de Foz).




Aquí están algunhas referencias para coñecela mellor: La Voz de Galicia, Facebook, a Maquina do Tempo


Antonina Semedo Lopes de Barros, nacida en Santa Ana, na illa caboverdiana de Santiago, chegou á Mariña un 23 de xullo de 1978, no momento en que se realizaban as obras da fábrica de aluminio en San Cibrao.
No momento en que outros cidadáns do mesmo país marchaban para Francia, Holanda ou Luxemburgo, Antonina e o seu marido instaláronse en Cangas, onde viven actualmente na compaña dos seus familiares.

Muller Traballadora

Durante os máis de trinta anos que leva vivindo nesta terra, Antonina Semedo realizou os máis diversos traballos, sen perder nunca a orientación do progreso, de buscar permanentemente un mellor nivel de vida para ella e, sobre todo, para a súa xente. En Cangas realizou as máis variadas tarefas domésticas -exactamente igual que as campesiñas galegas-, fixo traballos forestais e recolleu algas pola ribeira. Mais nunca deixou de asistir a cursos de formación, co obxectivo de conseguir unha vida máis desafogada. Actualmente dedícase á atención de persoas maiores ou con discapacidades.

Artista de Batuko Tabanka

Xunto con outras once mulleres da mesma nacionalidade (Ivone Pereira, Fátima Fafá, Fátima Beba Lopes, Ilda e Antonina Rocha, Isabel Barros, Desideria, Lidia Mendes Chuca, Anabella da Moura, María Tabares e Santiña), formou en 2002 o grupo musical Batuko Tabanka.  Ademais de gravaren dous discos, teñen actuado en toda Galiza e Portugal así como en diversidades comunidades españolas e en Cabo Verde, a onde regresaron para participaren na rodaxe da longametraxe documental Cabo Verde, Sabi. A muller e a terra, o home e o mar, dirixida polo profesor Manolo Maseda.


09/02/12

Proxecto Neo nº5 - Mocidade: Nuno García, Ana Carreira e José Manuel Vidal

A HORA DA MOCIDADE - PROTAGONISMO DOS NEOFALANTES

Desta vez os convidados son todos xente moi nova, de entre 16 e 20 anos; mozos e mozas que estudan nos institutos de Burela.
Proxecto Neo nº5 - Convidados: Nuno García, Ana Carreira e José Manuel Vidal on PhotoPeach
Contamos con guía especial: Nuno García Pico, estudante do bacharelato de Humanidades, músico, autor de narrativa moi ben premiada... Falamos de música, de poesía, de viaxes... con xente chegada de Cantabria e de Castela; xente estreitamente relacionada co Hospital da Costa. Todos e todas moi ben integrados nesta nosa cultura común: Ana Carreira e José Manuel Vidal, ambos estudantes do bacharelato de Ciencias da Saúde.
Este é, pois, un dos programas dedicados á mocidade MODELO BURELA.
Podedes escoitar a tertulia en Radio Burela de Radio Fusión aquí.

02/02/12

Proxecto Neo nº4 - Luís Manuel Ramilo Machado e Ricardo Santos Garrido

ENCONTROS DE BANDA DESEÑADA NA MARIÑA -PROTAGONISMO DOS NEOFALANTES
Este mércores 1 de febreiro (entre a 5 e as 6 da tarde) emítese un novo programa. Os convidados serán Luís Manuel Ramilo Machado e Ricardo Santos Garrido, docentes respectivamente dos ciclos de formación profesional das áreas de Imaxe Corporal e Desenvolvemento de Produtos Electrónicos.
Proxecto Neo nº 4 - Convidados: Luís Ramilo e Ricardo Santos on PhotoPeach
Orixinarios do Porriño e de Pontevedra, ambos son neofalantes e participan activamente na divulgación da Banda Deseñada entre a mocidade da Mariña. Ricardo é un dos máximos impulsores dos Encontros de B.D. e Luís participa tamén como dinamizador dos obradoiros de creación artística.
Podedes escoitar a tertulia en Radio Burela de Radio Fusión aquí.